#DígochoEu estrea o vídeo de Rhome, o segundo finalista do concurso ‘Unha canción para Esther’

0
15

Santiago, 02.02.2023.-    O espazo de promoción da lingua da CRTVG #DígochoEu estreou hoxe o segundo vídeo do concurso ‘Unha canción para Esther’. Trátase da composición musical ‘Río’, do noiés Rhome, un artista emerxente da música galega que compón temas de corte urbano e que comezou neste mundo de xeito autodidacta. Ademais de a través da TVG, o vídeo musical está accesible na web, na canle de YouTube e nas redes sociais da Galega.

O concurso do #DígochoEu convidou a todo o público da CRTVG a presentar temas que puidese interpretar a xornalista Esther Estévez, ben na súa totalidade ou acompañada do autor, intérprete ou grupo. Tiñan que ser pezas orixinais, escritas en lingua galega, de menos de tres minutos de duración. A lista de finalistas complétana King Kids, cuxa canción se estreou o pasado mes de decembro, Chamaquito Pistolas, Diego de Braelle e Chris Indian + Hydn.

#DígochoEu está a lanzar cada mes un vídeo cos temas finalistas. O gañador de ‘Unha canción para Esther’ coñecerase en maio nunha gala musical. Os cinco finalistas foron seleccionados por un xurado composto polo equipo do #DígochoEu, que valorou a orixinalidade, calidade técnica e acompañamento dun vídeo musical das opcións participantes. A peza gañadora será elixida por un xurado alleo ao programa e farase cun premio de 500 euros. A segunda mellor valorada recibirá 400 €; a terceira, 300 €; a cuarta, 200 €, e a última finalista, 100 €.

#DígochoEu segue medrando

O #DígochoEu, que xa supera os 1.000 capítulos, segue a medrar con novas propostas, como este concurso, que se suma aos II Premios #DígochoEu, un certame escolar de vídeos para alumnos de ciclos de Educación Primaria e Secundaria de todos os centros escolares de Galicia, ou daqueles de fóra da comunidade que impartan lingua galega.

Ademais, este popular espazo da CRTVG ampliou horizontes coa nova sección #DígochoWHAT?!, en que Esther Estévez lles ensina galego a estranxeiros, e con ‘Digochiño’, un novo proxecto que leva a lingua ao público infantil. Un pequeno raposo azul e branco protagoniza este espazo de ficción, guionizado e supervisado polo equipo de lingüistas da TVG, EN que os máis pequenos aprenden galego na G2 e nas canles dixitais, en Instagram e en TikTok. Estreado o 7 de xaneiro, en menos dun mes os vídeos acadaron un millón de reproducións.

Fuente Crtvg.es