#DígochoEu pon en marcha o concurso ‘Unha canción para Esther’

0
31

Santiago, 04.10.2022.-   O espazo de promoción da lingua da CRTVG #DígochoEu pon en marcha esta semana o concurso ‘Unha canción para Esther’. Búscanse temas que poida interpretar a presentadora do programa, a xornalista Esther Estévez, ben na súa totalidade ou acompañada do autor, intérprete ou grupo.

As cancións teñen que ser inéditas, totalmente orixinais e escritas en lingua galega. A temática é libre, pero os temas non deben superar os tres minutos de duración e poden ir acompañados dun vídeo musical ou dunha idea para realizalo. Toda a información e as bases do concurso poden consultarse aquí.

O prazo de presentación de propostas remata o 28 de outubro. Despois, levarase a cabo o proceso de selección dos cinco gañadores do concurso, aínda que existirá unha listaxe puntuada ata o décimo posto. O xurado estará composto polo equipo do #DígochoEu e terá en conta á hora de elixir os gañadores a orixinalidade das cancións, a súa calidade técnica e o acompañamento dun vídeo musical. En maio de 2023, outro xurado, desta volta alleo ao equipo do programa, elixirá a canción gañadora e cales quedan nas seguintes posicións. Todos eles recibirán os seus premios (500 euros para o primeiro clasificado, 400 € para o segundo, 300 € para o terceiro, 200 € para o cuarto e 100 € para o quinto) nunha gala especial que se celebrará tamén en maio.

#DígochoEu segue crecendo

O #DígochoEu da CRTVG, que chegou a semana pasada aos 1.000 capítulos, segue a crecer con novas propostas, como este concurso, que se suma aos II Premios #DígochoEu, un certame escolar de vídeos cuxo prazo de presentación de propostas remata tamén o 28 de outubro e que está aberto á participación dos ciclos de educación Primaria e Secundaria de todos os centros escolares de Galicia, así como a calquera de fóra de Galicia que imparta lingua galega.

Fuente Crtvg.es