#DígochoEu, premio Alecrín da Federación de Entidades Culturais Galegas de Cataluña

0
13

Santiago de Compostela, 10.08.2022.-  #DígochoEu, o espazo de fomento da lingua galega da CRTVG recibiu este mércores o premio Alecrín da FEGALCAT, a Federación de Entidades Culturais Galegas de Cataluña, na categoría de defensa do galego. O premio foi recollido por Rocío Pérez Alfonsín, asesora lingüista de #DígochoEu, nun acto que tivo lugar no Teatro Principal da Estrada. #DígochoEu segue a recibir recoñecementos ao seu proxecto de difusión e apoio ao bo uso da linga galega que propón, desde xaneiro de 2020, un vídeo diario nas redes sociais e canles da CRTVG.
 
Os premios Alecrín, que a Federación de Entidades Culturais Galegas de Cataluña entrega cada ano en Galicia, recoñeceron tamén o traballo doutros proxectos en diferentes ámbitos como a música, cultura, arte, investigación, entre outros.

#DígochoEu, preto de 200.000 seguidores en TikTok

#DígochoEu é un proxecto da CRTVG para achegar o galego dunha forma dinámica e entretida a todo o mundo e, sobre todo, aos máis novos. Emite, desde xaneiro de 2020, un capítulo diario para a mellora do galego desde a televisión e as redes sociais da canle pública. Pode seguirse na web crtvg.gal, en g24.gal, no Telexornal da TVG, así como nas contas de Instagram (@digochoeu.tvg), Twitter (@DigochoEuTVG), Facebook (facebook.com/digochoeu.tvg), YouTube (youtube.com/tvg) e TikTok (tiktok.com/@digochoeu), onde xa ten preto de 200.000 seguidores. Así mesmo, pódese seguir tamén en Twitch, cun streaming semanal na noite dos mércores. Esta intensa actividade nas redes sociais consolidou este proxecto dos medios públicos como o maior impulsor da lingua galega entre a mocidade de Galicia.

Recoñecementos ao #DígochoEu

Neste 2022, #DígochoEu acadou o premio Mestre Mateo ao mellor programa de televisión, e Esther Estévez, a súa presentadora, foi recoñecida como mellor comunicadora de televisión. O espazo gañara días antes tamén o Premio Deleite á Promoción da Lingua no marco do mesmo certame. E ao longo do pasado 2021, #DígochoEu recibiu o Premio Paraugas de Comunicación e Márketing, na categoría de Mellor Execución de Idea; o Premio Mil Primaveras da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua, na categoría de Mellor Comunicación e Impacto, e o Premio da Cultura Galega, galardón co que a Xunta de Galicia recoñece a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección da construción cultural de Galicia.

Fuente Crtvg.es