#DígochoEu visitou por sorpresa o IES Betanzos no remate da colaboración co programa educativo ’21 días co galego e +’

0
10

Santiago, 11.03.2021.- Na última xornada do programa educativo ’21 días co galego e +’ da Secretaría Xeral de Política Lingüística, en que colabora a CRTVG, os alumnos do IES de Betanzos recibiron este xoves unha visita sorpresa dos xornalistas Esther Estévez e Carlos Amado, do espazo #DígochoEu. Amado e Estévez explicaron aos rapaces o proceso de creación dos capítulos diarios do #DígochoEu, así como a traxectoria desde que se estreou hai un ano, en xaneiro de 2020, na web dos servizos informativos da Corporación desde a que foi ampliando a súa acción ata chegar ao Telexornal e, sobre todo, ás redes sociais. Na sesión de hoxe, os estudantes tamén colaboraron na realización de contidos para o proxecto, que se emitirán a semana que vén nos perfís de Twitter (@g24noticias), Facebook (/g24noticias), na canle de Youtube (youtube.com/tvg) e na web da CRTVG, así como nos telexornais da Televisión de Galicia.

Con esta visita, a CRTVG pecha a súa colaboración no ’21 días co galego e +’ da Secretaría Xeral de Política Lingüística que promove o uso do galego oral entre a mocidade, dentro e fóra dos centros de ensino. Coa vontade de implicar por completo os rapaces e rapazas e coa intención de favorecer o uso e perfeccionamento da nosa lingua dunha forma divertida, o #DígochoEu e o magazine da Radio Galega ‘Galicia por diante’ participaron nesta iniciativa, con videochamadas aos centros escolares e entrevistas no programa da RG dirixido por Kiko Novoa, cunha última entrevista mañá venres.

Dez centros das catro provincias galegas, con alumnado de ESO, bacharelato e FP involucráronse nas conversas e encontros cos xornalistas da CRTVG, que consolidaron este proxecto de 21 días en que os mozos se comprometeron a falar soamente en galego en todos os ámbitos das súas vidas.

 

Fuente Crtvg.es