Diversión garantida neste ‘Grandes cachadas’, que trae os éxitos máis cantaruxados en todo festexo

0
12

Santiago, 08.08.2021.-   As cancións máis pegadizas e máis cantaruxadas por todos soarán esta noite na divertida proposta que o programa ‘Grandes cachadas’ (22.40 h) trae este domingo. O especial ‘Non a podo sacar da cabeza’ estará dedicado a todas esas cancións que, sen saber moi ben por que, métense na cabeza e non se poden deixar de cantar.
 
Algunhas destas cancións encantan, outras detéstanse, pero aí quedan pegadas de tanto oílas. Son cancións que soan ou soaron ata na sopa. Hai temas que dá igual os anos que se teñan, aínda se saben de memoria. Son éxito seguro, dos que case nunca faltan nunha voda, nunha festa ou nun karaoke.

Ao longo do programa, presentado por Esther Estévez, terase a oportunidade de escoitar éxitos de toda a vida cantados por artistas como Raphael, Isabel Pantoja, Camilo Sesto, Mari Trini e Peret. Tamén terán cabida os éxitos fugaces que arrasaron durante un verán pero que aínda se lembran, como ‘Yo quiero bailar’, de Sonia e Selena, ou ‘Para no verte más’, de La Mosca Tse-Tse.

Os exitazos da movida galega, as cancións máis coñecidas do ‘Xabarín Club’, os himnos xeracionais da nosa música e os grandes éxitos da música popular tamén soarán neste ‘Grandes cachadas’.

Este percorrido pola música que non podes sacar da cabeza ofrece tamén éxitos de artistas internacionais que viñeron en persoa cantar os seus temas aos distintos programas da TVG.  Verase como a propia Gloria Gaynor fixo bailar a todo o mundo co ‘I will survive’ e a interpretación ao piano que nos ofreceu nun programa de verán a gran Nina Simone.

Outros temas que custa esquecer son os que van a Eurovisión. Así o programa ofrecerá algúns dos que gozaron de maior popularidade. E neste ranking escoitarase o
’Ave María’, de David Bisbal; ‘El gallo sube’, de Pepe Benavente; ‘Como una ola’, de Rocío Jurado; ‘Felicidade’, de Romina e Albano; ‘Me gustas mucho’, de Rocío Durcal; ‘Aserejé’, das Ketchup; ‘Bailar pegados’, de Sergio Dalma; ‘O galo’, de Pili Pampin ou ‘Os bistéqueles’, da Roda… o difícil de ver o próximo ‘Grandes Cachadas’ será non cantar cada unha das cancións xa que o máis seguro é que sexan cancións que non se poden sacar da cabeza!

Fuente Crtvg.es