‘Do Dereito e do Revés’, a nova comedia da TVG, preestréase o martes en Santiago e chegará ás pantallas o 4 de decembro

0
6

Santiago, 24.11.2019.-    A Televisión de Galicia presenta este martes, cunha preestrea no Auditorio Abanca de Santiago, a súa nova serie, ‘Do Dereito e do Revés’, unha comedia sobre galegos que precisan un avogado. Producida por Think First para a TVG, e con guións de Xosé Cermeño, creador da mítica ficción ‘Pratos Combinados’, chegará ao prime time dos mércores o 4 de decembro. Á festa de presentación acudirá o elenco ao completo da serie e caras coñecidas da canle autonómica.

En ‘Do dereito e do revés’ atoparanse personaxes con oficios e ocupacións que propician un espello social amplo e diverso. Ademais, as tramas desenvólvense en espazos e ambientes pouco vistos na ficción galega. Esta comedia inclúe a presenza de tres xeracións de mundos moi distintos que axudan a disparar os conflitos en todas as direccións, todo isto con ironía, pingas de tenrura e humor branco. A nova aposta da TVG tratará asuntos de contido familiar que lle achegarán á audiencia personaxes, escenarios e ambientes vinculados á vida común da xente de Galicia.

Dirixida por Manuel Espiñeira, premio Mestre Mateo á Mellor Dirección por ‘Serramoura’, ten como protagonistas os actores Víctor Fábregas, Susana Sampedro, Sergio Pazos, Xoel Fernández, Casilda Alfaro, Alberto Montes e Alicia Armenteros.

A trama desta serie desenvólvese a partir de que Adela, unha muller madura, volve á vila onde ten as súas raíces familiares e algunhas propiedades. Alí está o seu fillo, Moncho Patiño, un avogado sen moito éxito, separado de Sara, unha muller con iniciativa e dona dun ximnasio de artes marciais. Moncho vive coa filla de ambos, Lucía, que ten unha web de información local.

Moncho non é demasiado malvado, nin parvo de todo. Pero é menos listo do que el pensa. E iso é un problema para un avogado que ten a súa fonte de traballo nos conflitos e problemas dunha vila. Asuntos de todas clases pasan pola súa mesa: disputas por  terras, enganos ao seguro, herdanzas, despedimentos, erros médicos, xuízos por roubo ou por estafa… A realidade estará chea de problemas coa familia, co traballo, cos cartos, cos intereses propios e os alleos. A tentación de resolver os asuntos como resulte mais fácil e proveitoso é sempre moi poderosa para Moncho. Pero o camiño máis fácil non sempre  é o máis recto nin o máis sensato, nin sequera o máis legal, e ten riscos e consecuencias.  

Fuente Crtvg.es