Documentais e entrevistas diarias sobre Xela Arias, esta semana nos medios públicos galegos

0
14

Santiago, 09.05.2021.-  Na semana das Letras Galegas, os medios públicos amplían a súa oferta de contidos especiais en homenaxe á autora Xela Arias, a través da emisión de dous documentais na TVG e dunhas entrevistas diarias, en que participarán unha vintena de expertos, para debullar a vida e obra da poetisa sarriá, no caso da Radio Galega.

O ‘Diario cultural’ da Radio Galega ofrecerá entrevistas dobres cada xornada, desde o 10 de maio, para abranguer os distintos aspectos do perfil de Xela Arias, a través de dunha vintena de expertos na súa figura.

Nestas conversas temáticas, que presentarán Ana Romaní e Belén Regueira, contarase coa visión sobre a autora da Real Academia Galega, coa intervención de Víctor Freixanes e Marilar Aleixandre; o eido familiar tratarase coa súa nai Amparo Castaño e co seu fillo Darío Gil; o seu papel como editora abordarase con Manuel Bragado e Celia Torres e de tradutora, con Ana Luna e María Reimóndez; a súa visión do poético, con Fernando Abreu e Xulio Gil; a análise da súa obra poética, con María Xesús Nogueira e Elena González; os lazos con amizades e poetas coetáneos, con Susana Trigo e Marga Romero; o seu percorrido vital, con María Xosé Queizán e Camino Noia; as pegadas de Xela en poetas posteriores, con Yolanda Castaño e Olga Novo, e os contextos literarios en que se desenvolve a súa obra, con Miguel Anxo Fernán-Vello e Fran Alonso.

Dous documentais na Galega arredor de Xela Arias

Pola súa banda, a G2 achegará o mércores o documental ‘Xela Arias. A palabra esgazada’, cedido pola Real Academia Galega, co que se explora a traxectoria da autora a través de distintas vertentes. Como punto de partida, dará a coñecer os espazos en que naceu e se fixo adulta Xela Arias; afondará nos seus desexos de ser independente e no feito de ser das primeiras persoas que gañou a vida na incipiente industria editorial galega dos 80; achegarase, polo miúdo, a súa faceta como poeta e a súa vida persoal e, por último, amosará como transcendeu a súa morte, no recordo que deixou en quen a coñeceu e no impacto da súa obra nas seguintes xeracións.

A véspera do Día das Letras, na programación da TVG do domingo, o ‘Vivir aquí’ estará dedicado á efeméride. Na sobremesa, emitirase un novo documental titulado ‘Xela, vencerse é cousa de se tratar’, unha proposta escénica baseada na obra ‘Intempériome’, con poemas recitados por Xela Arias. E, na faixa da noite, estrearase ‘Alá vai o gaiteiro’, especial centrado no mundo da gaita, que lembrará os grandes mestres do instrumento, amosará os camiños que tomou nos últimos anos e contará coas actuacións de Susana Seivane, Cristina Pato, Os Carunchos e Anxo Lorenzo, entre outros.

Entrevistas temáticas na Radio Galega arredor de Xela Arias

Fuente Crtvg.es