Dous novos programas relacionados co mar chegan este sábado á TVG: ‘O Clan das Mariñeiras e ‘Caderno de Bitácora’

0
12

Santiago, 26.03.2021.-    Este sábado chegan á TVG dous novos programas relacionados co mundo do mar. Un deles é ‘O Clan das Mariñeiras’, que ten como obxectivo poñer en valor o traballo das mulleres no mar, un papel que aínda sobre certa invisibilización. Esta nova aposta da TVG para as tardes dos sábados analizará, poñendo o foco cada semana nunha profesional do mar, o traballo primordial que desenvolven as mulleres na cultura mariñeira.

Para que un barco saia ao mar son necesarios moitos traballos previos, que nunha porcentaxe alta desenvolven as mulleres, por exemplo, o traballo das redeiras ou os traballos administrativos. Cando o barco volve do mar aínda queda moito que facer para que o peixe e o marisco acaden a maior rendibilidade posible e para isto están as peixeiras, tradicionalmente mulleres. Ademais, hai oficios que desde sempre foron exercidos case en exclusiva por mulleres, como o marisqueo a pé. E nos propios barcos, tanto de baixura como de altura, hai mulleres embarcadas. ‘O Clan das Mariñeiras’, unha produción de Celta para a Televisión de Galicia presentada por X.H. Rivadulla Corcón, pretende amosar esta realidade aínda descoñecida.

A primeira integrante deste clan que coñecerán os espectadores é Yaqui Lista, unha muller do mar de Camariñas cuxo traballo ten un recoñecemento social moi secundario e que amosará como intenta superar esa invisibilidade. Os seus inicios como mariscadora non foron fáciles, xa que, procedente dunha familia de pescadores, tivo que adaptarse a unha nova forma de traballar.

Con Yaqui traballa o seu home, Tono Pasantes. Van xuntos ao marisqueo e teñen un barco de nove metros onde traballan a pesca de baixura, fundamentalmente coa nasa do polbo. O marisqueo é un traballo que require un esforzo físico grande, e o marisco, neste caso a ameixa, é un produto escaso, o que fai que chegar a coller a cota que está asignada para cada día non sexa doado.

Yaqui aprendeu o oficio de mariscadora e hoxe é unha experta. Negouse a renunciar ao soño de ter un fillo, loitou por que Dani nacese e hoxe esforzarse por crear para el un futuro  próspero e digno. Quería ser mariñeira contra a convención social e agora ten o seu barco. Yaqui formou arredor dela un fermoso clan e ‘O Clan das Mariñeiras’, conxuntamente coa súa familia, amosaralle hoxe o seu recoñecemento.

Recoñecer o traballo das xeracións precedentes

A continuación, estrearase ‘Caderno de Bitácora’, que pretende recoñecer o traballo das xeracións precedentes, que teñen na súa memoria un tesouro de incalculable valor e a cuxo esforzo se deben os cambios e os avances conseguidos durante os últimos anos nas formas de traballar.

Cada semana, este novo espazo, unha produción de Celta para a TVG, dirixido e presentado por X.H. Rivadulla Corcón, faralle unha homenaxe a unha persoa que traballou toda a súa vida no mar, contará o seu periplo vital e daralle unha sorpresa xuntando os seus amigos, compañeiros de traballo e familiares.

A protagonista da primeira páxina deste ‘Caderno de Bitácora’ será Socorro Cacabelos ‘Meis’, que soubo ver que os colares do Grove podían ser pezas de alta xoiería e fixo evolucionar esta arte ancestral das mulleres mariñas.

Os colares feitos polas mulleres do Grove singularizan este porto como ningún outro na costa galega, a través dunha arte moi especial, en que Socorro Cacabelos, que antes foi mariscadora, é unha das súas mestras, xa que comezou de moi nena a desenvolvela. Para coñecer esta arte, o programa falará coa súa filla, Montse Betanzos, herdeira da súa habilidade e intelixencia coa maxia das cunchas. Rivadulla Corcón tamén conversará con Pepita Prol, sabia colareira da vella escola, que coñece todos os segredos do oficio, e viviu épocas moi distintas para esta arte.

Meis representa unha evolución que achega, entre outras cousas, a dignificación das colareiras do Grove. Os vellos deseños seguen sendo o que sustenta a sabedoría das colareiras na actualidade e por iso coñece ben estes deseños e apréciaos. Traballar a partir dunha tradición facilita que as creacións actuais sigan unha liña cultural que lles achega valor. Os seus colares son fundamentais para a vida do Grove e a súa actitude vital tamén. E as dúas cousas fan que hoxe, amigos e familiares se xunten para facerlle unha sentida homenaxe a Meis.

Fuente Crtvg.es