Dous premios europeos Celtic Media 2022 para a TVG, un para a película “Ons” e outro para “Malicia Noticias”

0
12

Santiago, 09.06.2022.-  Os Premios internacionais Celtic Media, que celebraron o seu festival anual ata hoxe na Bretaña francesa, continúan dando alegrías ao sector audiovisual galego, ao outorgar a distinción de mellor longametraxe (Single Drama –over 30 mins-), a ‘Ons’, a coprodución galego-portuguesa de Alfonso Zarauza en que participa a Televisión de Galicia.

‘Ons’, película de misterio e drama con Antonio Durán Morris, Melania Cruz, Miguel de Lira, Marta Lado e Xulio Abonjo como protagonistas, superou no Celtic Media Festival as producións ‘Adam’ (BBC Escocia), ‘Doineann’ (TG4 e BBC Irlanda), ‘Fin ar Bed 2’ (France 3 e France.tv de Bretaña), ‘Grav’ (S4C de Gales) e ‘The Tape’ (Cornualles). A película galega xa fora a gran triunfadora nos Premios Mestre Mateo de 2021.

Pola súa parte o espazo do prime time da TVG ‘Malicia Noticias’ resultou premiado no mesmo festival, na categoría de Comedia. O noticiario de humor da Galega superou as outras tres finalistas, producións da BBC Escocia, S4C Gales e BBC Irlanda do Norte.

O certame contou coa presenza de Fernando R. Ojea, director de Contidos da CRTVG, e de Montse Besada, xefa de Contidos da CRTVG, en representación dos medios públicos galegos. O Celtic Media Festival (http://celticmediafestival.co.uk), que promove a cultura e linguas dos países celtas nos ámbitos do cinema, a televisión, a radio e os novos medios de comunicación, ten lugar desde hai 43 anos de forma rotatoria entre Irlanda, Escocia, Gales, Illa de Man, Cornualles e a Bretaña francesa.  

Fuente Crtvg.es