Dúas novas parellas amosarán este mércores a súa historia de amor no programa ‘Casamos!’

0
7

Santiago, 28.10.2020.-    Selene e Enrique, os protagonistas da primeira entrega do ‘Casamos!’ deste mércores, coñecéronse hai nove anos. Sendo moi noviños decidiron comezar unha vida en común, pero a falta de compromiso e de madurez do noivo puxo en perigo a súa relación. Despois de superar todas as dificultades e máis unidos ca nunca, decidiron ser pais. Froito do seu amor naceu Noa, pero unha enfermidade da pequena fíxolles pasar os peores días das súas vidas.

Agora están convencidos de que chegou o momento de comezar de cero e, a pesar das dificultades económicas, están a preparar unha cerimonia do máis especial. As bágoas de emoción e ledicia están garantidas nun dos días máis especiais da vida de Selene e Enrique.

A continuación, os espectadores coñecerán a historia dunha moza de Marcón e dun rapaz de Boborás, que uniron os seus camiños grazas a unha charanga de Pontevedra. A pesar da diferenza de idade, Rocío axiña pousou os seus ollos en Iván, pero el non llo puxo nada fácil. A pesar da súa xuventude, Iván tiña as cousas moi claras. El buscaba unha moza tradicional que fose a súa media laranxa. Con moito amor e perseveranza, Rocío conseguiu chegar ao seu corazón e agora están a piques de selar o seu amor por todo o alto.

Os nervios e as emocións poden xogar malas pasadas, sobre todo, se aos poucos días do enlace xorden ausencias inesperadas. A incerteza está no aire, pero esta parella de mozos quere cumprir o seu soño: facer que o día da súa voda sexa perfecto.

Fuente Crtvg.es