Dúas novas parellas de concursantes traerán esta noite tensión e nervios a ‘A Sariña busca pretendentes’

0
633

Santiago, 20.4.2022.-  No programa desta semana de ‘A Sariña busca pretendentes’ (23.05 h) farán aparición dúas novas parellas de concursantes que traerán tensión, nervios e roces a partes iguais. Un equipo será o formado por Alba e Manel, dous amigos que se coñeceron a través dunha rede social e deciden chamarse ‘Os Tiktokers’. A outra nova incorporación son Juan e Damián, uns colegas da infancia, residentes en Vimianzo e coñecidos como ‘Os Cherinkas’. Os novos rivais son guerreiros e non veñen só por participar, polo que a parella veterana terá que poñer as pilas para seguir loitando pola Sariña.

A reforma vai segundo o previsto e as novas misións desta semana van provocar que salten chispas entre os participantes, pois as novas parellas de concursantes comparten espazo de traballo. Alba e Manel terán que reformar o corredor e a sala. Juan e Damián enfrontaranse ao comedor e ás escaleiras, mentres que as veteranas Carmen e Pepa amañarán a fachada lateral, lonxe dos conflitos dos seus rivais.

Para colmo de males, os veciños farán unha xuntanza con Lucía Regueiro para falar das citas e das novas parellas. A parella veterana terá facer músculo e loitar cunha machada picando leña, ademais de contentar a veciñanza coa súa leria. Os outros equipos tamén tratarán de conquistar os residentes do lugar axudando nun salón de peiteados e botando unha man no coidado dunha chea de animais.
   
A tensión chegará ao seu punto máis alto nunha gala final en que os espectadores descubrirán quen acada algunha chave e quen queda coas mans baleiras. Tanto os veciños como o xefe de obra, Suso Mallo, non o van ter sinxelo á hora de puntuar a estes concursantes tan guerreiros. A Sariña segue en xogo, unha casa que está a mudar de aspecto, pero que se amosa difícil de conquistar.

‘Sempre nos quedará a Sariña’
 
A continuación, no cuarto programa de ‘Sempre nos quedará A Sariña’, cinco veciños da vila de Coristanco verán xuntos a edición de ‘A Sariña busca pretendentes’ e debaterán arredor do sucedido nesta entrega.

Fuente Crtvg.es