Emilio Pérez Touriño fai unha alegación europeísta no seu libro ‘El horizonte europeo’, que presentou no ‘Bos Días’ da TVG

0
27

Santiago, 22.11.2022.-   Emilio Pérez Touriño, expresidente da Xunta de Galicia, foi entrevistado este martes no ‘Bos Días’ da TVG, onde explicou a súa receita para o futuro despois das tres grandes crises vividas ao longo deste século XXI. Socialdemocracia, Estado nación, federalismo e Unión Europea son as catro claves para analizar e, sobre todo, para avanzar, segundo o expresidente da Xunta, quen acaba de publicar o libro ‘El horizonte europeo’. Nel reflexiona sobre a necesidade de que a UE teña máis peso: “Cada Estado nación, neste mundo interconectado, por libre seriamos como meros peóns que apenas poderíamos influír, e claro que necesitamos esa Europa unida”, dixo.

“Europa, se un mira as crises que levamos neste século, a gran recesión, a pandemia e agora a guerra de Ucraína, xogou un papel fundamental”, cre Emilio Pérez Touriño. “Foi, por dicilo graficamente, un instrumento que nos permitiu afrontar a pandemia, e cun salto histórico por parte europeo que foi emitir débeda mancomunada e poñer en marcha ese plan Next Generation que lle vai permitir recibir a España 140.000 millóns de euros, e que o BCE asumise toda a débeda dos estados e permite ese gasto público e que permite ese paraugas co que se poden desenvolver políticas de protección social, de inclusión e de transformación da economía”.

E no medio desa resposta a unha crise que aínda estaba por superar chea a guerra en Ucraína. “A invasión rusa, máis alá do evidente, que son os miles de falecidos e destrución dun país, supón a ruptura dunha orde xeopolítica mundial que viña rexendo. Onde existía unha orde baseada no respecto aos valores democráticos, altera iso e provoca unha gran crise económica que estamos a padecer”, explicou Touriño na entrevista.

E aí, o expresidente da Xunta cre que a UE ten moito que dicir: “Europa aparece como un actor relativamente relevante importante no escenario global e, por outra parte, hai unha unidade xeopolítica europea que se vai conformando”. “Se un o compara cos Estados Unidos, Washington, o estado federal absorbe o 35 % do PIB, e o presuposto comunitario é só o 1 % do producido no seo da UE, e polo tanto temos que dar un salto que nos permitiría desempeñar un papel de referencia no mundo actual”.

O PSdeG debe “xerar alternativas confiables”

“Eu estou como moi afastado da vida orgánica do partido, aínda que sigo a actualidade”, asegura o ex líder do PSdeG antes de reflexionar sobre a actualidade política do seu partido: “os partidos, e en particular o noso, precisan de tempo para madurar, e coller forza e capacidade”. “En Galicia, preocúpame que perdeu peso económico, obxectivamente comparado con España, dous puntos menos; perdemos capacidade de emprego, España creceu máis de cen mil empregos, Galicia perdeu 45.000; perdemos poboación, 65.000 habitantes menos, España gaña un millón; perdemos o liderado en empresas punteiras renovables, e perdemos capacidade financeira. Hai problemas serios nestes tempos nos que Galicia ve truncada a súa converxencia con España e Europa. E aí é onde necesitamos xerar alternativas confiables”. Touriño salientou que “en xeral na vida de todos os partidos políticos democráticos, o fraccionamento e as loitas internas son as enfermidades peores. Os cidadáns precisan ver alternativas porque vivimos mundos dunha grande incerteza económica e social”, explicou.

Respecto do panorama político español, Pérez Touriño evita as opinións sen reflexión: “Hai temas que son de complexidade e rigor, que son difíciles de tratar con rapidez”, asegura. “No tema da sedición, eu son dos que creo que tal e como a tiñamos definido no noso Código Penal, e non son xurista, estaba a xerarnos problemas reiteradamente en Europa, e levamos varios paus á hora de pedir extradicións, por exemplo. E creo que pode ser positivo a derrogación dese delito”, sostén. “Creo tamén que é evidentemente que isto contribúe, polo menos a curto prazo, a facilitar a convivencia en Cataluña e as relacións coas institucións catalás”, engadiu.

Aínda así, matiza: “Hai que abrir unha reflexión en paralelo, que é ata que punto pola forma e polo modo de facelo pode pechar diferencias con Cataluña e abrilas co resto de España, e hai que facer un balance de prudencia porque non podemos dividir máis se cabe a sociedade española en bloques”. “E logo está toda a problemática xurídica de como queda o Código Penal, que é unha problemática máis propia de como debemos defender o ben maior que é a orde constitucional e que como queda isto”, asegurou.

“Os aliados de Sánchez, en particular, están pecando dun certo grao de sectarismo ideolóxico, dunha visión populista que caracteriza este tipo de formacións e que están facéndolle un dano relativo ao proxecto que o PSOE ten para transformar este país, avanzar e protexer os sectores máis débiles”, asegurou Pérez Touriño para concluír.

Fuente Crtvg.es