En ‘Luar’, Manuel Manquiña, Teté Delgado e Isabel Blanco loitan por coarse nas semifinais de ‘O mellor década casa’

0
11

Santiago, 11.06.2021.-  Avanza o concurso ‘O mellor década casa’ en ‘Luar’ (21.55 h). Esta noite será decisiva para tres dos artistas que participan no certame. Deben dar o mellor de si mesmos nas súas actuacións para optar a un posto nas semifinais, xa que só resta coñecer o cuarto integrante. Esta noite, será a quenda de Manuel Manquiña, quen defenderá a década dos 60 co afamado tema ‘Un bico e unha flor’; Teté Delgado ofrecerá a súa interpretación de ‘Vive a vida tola’, todo un éxito dos anos 80, e Isabel Blanco, en representación dos 10,  o aplaudido ‘Quixera ser’. Quen gañe será o cuarto clasificado, xunto a Luís Iglesia, María Mera e Sergio Pazos.

Xosé Ramón Gayoso, Patricia F. Santana e Rocío Rodríguez pasaranlle a remuda das actuacións musicais ao cantante Francisco. O valenciano dará boa conta da súa voz única ao longo do programa.

No que respecta aos artistas da nosa terra, esta noite visitará o programa o pontevedrés Marcelo Dobode, quen presentará o sinxelo ‘Carballeira’, tema de presentación do disco ‘Turoqua’, o seu primeiro proxecto en solitario co que traspasa as fronteiras da tradición para elevar novas melodías á vangarda da música. Tamén se contará esta noite coas propostas da orquestra Estrellamar, a agrupación A Maristela de Sobrado dos Monxes e a asociación Gaiteiros da Xistra de Coruxo.

Tras comezar a semana pasada a última volta da fase previa ás semifinais de ‘Recantos’, este venres amosarán as súas mellores calidades artísticas: Chiña, da zona de Noia-A Barbanza, e Lidia Sueiro, de Terras de Ordes. A recanteira de Lugo sur, Belehm, encabeza polo de agora a clasificación, con 93 puntos.

Finalmente, Paco e Pepe achegarán unha boa dose do seu mellor humor e, no concurso telefónico, os espectadores poderán facerse hoxe co bote de 10.000 euros de premio.

Fuente Crtvg.es