En marcha a segunda edición dos Premios #DígochoEu da TVG

0
32

Santiago, 19.09.2022.-    Tras o éxito da primeira, a CRTVG pon en marcha a segunda edición dos Premios #DígochoEu. Ao igual que o ano pasado, os premios están abertos aos ciclos de educación Primaria e Secundaria de todos os centros escolares de Galicia, así como a calquera de fóra de Galicia que imparta lingua galega.

“Fala cos colegas, argalla unha idea de guión e que os vosos profesores nos envíen a proposta”, di Esther Estévez, presentadora do espazo nas plataformas da CRTVG, a todos os rapaces interesados no proxecto. “A primeira fase é o envío deste guión. E logo, entre todos os recibidos, elixiranse 14 para ser gravados nunha xornada na que nos desprazamos a cada colexio”, explica. Os docentes poden consultar as bases e facer as inscricións na web digochoeu.gal ata o vindeiro 28 de outubro. Na primeira edición destes galardóns, que persegue promover o uso do galego entre a mocidade, participaron 200 centros das catro provincias.

Este concurso escolar xa acadou un grande éxito durante o curso pasado coas visitas aos colexios, rematando na gran festa de entrega de premios na Cidade da Cultura de Santiago no mes de xuño.

#DígochoEu segue crecendo nas redes sociais

#DígochoEu é o proxecto da CRTVG para achegar o galego dunha forma dinámica e entretida a todo o mundo e, sobre todo, aos máis novos. Emite, desde xaneiro de 2020, un capítulo diario para a mellora do galego desde a televisión e as redes sociais da canle pública. Pode seguirse na web crtvg.gal, en g24.gal, no Telexornal da TVG, así como nas contas de Instagram (@digochoeu.tvg), Twitter (@DigochoEuTVG), Facebook (facebook.com/digochoeu.tvg), Youtube (youtube.com/tvg) e TikTok (tiktok.com/@digochoeu), onde xa ten máis preto de 200.000 seguidores. E pode seguirse no streaming semanal en Twitch na noite dos mércores, xunto co actor luso Rodrigo Paganelli.  

Nova temporada de #ApuntamentoLusófono

Despois do verán, os seguidores do #DígochoEu poden xa gozar outra vez de novas entregas de #ApuntamentoLusófono, a conversa semanal en directo que manteñen en Twitch Esther Estévez e o actor portugués Rodrigo Paganelli, en que ela trata de aprender portugués e el, galego.

Para presentar os Premios #DígochoEu e as novidades do #ApuntamentoLusófono, Esther e Rodrigo acudirán este xoves ao ‘Land Rober Tunai Show’, onde falarán da primeira canción do espazo ‘Falsos amigos’, que xa acumula máis de 40.000 reproducións nas redes sociais e que xoga con termos en galego e portugués que levan a confusión (falsos amigos).

Fuente Crtvg.es