En rodaxe a próxima serie da TVG ‘Método Criminal’, unha comedia negra co narcotráfico como tema de fondo

0
21

Santiago, 09.11.2020.-  Inmersa en pleno proceso de gravación, xa falta menos para poder ver  ’Método criminal’, a nova serie de ficción da Televisión de Galicia, que dará que falar este próximo inverno. Unha comedia negra, co narcotráfico como tema de fondo, dirixida por Jorge Saavedra e producida por Voz Audiovisual para a TVG, con Luís Iglesia e Miguel Canalejo como protagonistas.

En ‘Método criminal’, os espectadores atoparanse cun criminal, que non quere selo; cun actor en horas baixas, ante o posible papel da súa vida; unha filla que só entende a rebeldía se é subvencionada; unha policía con talento para moverse fóra da lei, e con narcos dos de verdade e con outros narcos dos de rirse deles. Case nada.

O punto de partida desta comedia negra acontece cando Damián Canosa ten que facerse cargo do negocio ilegal da familia: o narcotráfico. Pero el non sabe nada do negocio, polo que non lle queda máis remedio que buscar axuda. Ten que atopar alguén que lle poida ensinar a ser un líder temido, respectado. Alguén carismático, un tipo deses que cando entra nun bar todo o mundo cala. Alguén como… Carmelo Matalobos! O problema é que non existe, el é un personaxe de ficción. Entón terá que conformarse con Luís Iglesia, o actor que lle deu vida. Se foi quen de construír a personaxe, será quen de ensinarlle a ser tan bravo como Carmelo.

Luís Iglesia encabeza con Miguel Canalejo o elenco de ‘Método Criminal’, que integran intérpretes como María Roja, David Seijo, Sabela Arán, Alberto Rolán, Mara Sánchez, Adrián Castiñeiras, Susana Sampedro, Miguel Borines, Lidia Veiga, Carlos Villarino, Paloma Otero, Neves Rodríguez ou Mariana Expósito, entre outros.

Na foto superior, un momento da rodaxe, con Luís Iglesia, Mara Sánchez e Lidia Veiga.

Fuente Crtvg.es