Eroski Paraíso, a adaptación cinematográfica da obra teatral do mesmo nome, chega este venres á carteleira de ‘Clac’

0
24

Santiago, 17.12.2021.-    A película seleccionada polo programa ‘Clac’ (22.55 h) para este venres á noite é ‘Eroski Paraíso’, a adaptación cinematográfica da obra teatral do mesmo nome, unha das pezas de maior éxito do grupo Chévere, estreada nos escenarios galegos en 2016 e galardoada co premio María Casares ó mellor espectáculo teatral.

‘Eroski Paraíso’ conta a historia do namoramento dunha parella, encarnada por Patricia de Lorenzo e Miguel de Lira, na discoteca Paraíso cando eran mozos. Anos despois do seu divorcio, a filla organiza un reencontro no supermercado que agora ocupa o espazo desa sala de festas para reconstruír o momento en que se coñeceron. A rapaza idea unha película para tratar de entenderse a si mesma.

O paso do tempo e a derrota dos soños son os elementos principais deste filme, que busca a reflexión dos lugares onde se foi feliz e o desarraigamento. Interpretado por Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo e Cristina Iglesias, dirixido por Xesús Ron e Jorge Coira e estreada en 2019, tres anos despois da obra de teatro en que se basea, ‘Eroski Paraíso’ levou os premios Mestre Mateo para os seus actores protagonistas, Patricia de Lorenzo e Miguel de Lira.

No faladoiro do espazo da G2, moderado por Tania F. Lombao, intervirán o director, Xesús Ron, que relatará como xurdiu a idea de converter a obra de teatro en película, e a actriz Patricia de Lorenzo, que exporá como afectou isto o elenco, en tanto que non é o mesmo a representación teatral con respecto á cinematográfica. Ambos os dous reflexionarán tamén arredor da metáfora de que os protagonistas representan a Adán e Eva por medio dunha historia de humor agridoce.

Ademais, como é habitual, o coloquio contará coa participación de Eduardo Galán, experto en cinema dos medios públicos galegos, e o programa achegarase ás estreas desta semana na carteleira.

Fuente Crtvg.es