Escolares de Verín aprenden sobre lingua e xornalismo co proxecto da CRTVG nas redes sociais #DígochoEu

0
4

Santiago, 07.02.2020.-    A CRTVG levou hoxe venres o seu proxecto divulgativo nas redes sociais sobre a lingua, #DígochoEu, ao IES Xesús Taboada Chivite de Verín (Ourense), onde o coordinador dixital dos Informativos da CRTVG, Carlos Amado, e a xornalista Esther Estévez participaron en dúas charlas sobre xornalismo e redes sociais dirixidas ao alumnado de 1º ESO e 1º de bacharelato.

A conversa cos rapaces e rapazas do centro ourensán tratou sobre a importancia da corrección do galego e o papel que xoga a Corporación como normalizadora e dinamizadora da lingua. Tamén aprenderon sobre o proxecto #DígochoEu que a CRTVG leva a cabo nas redes sociais e que está a arrasar no Instagram @g24noticias desde principios de ano. Cun formato breve e moi ameno, cada día publícase un vídeo diferente en g24.gal de aproximadamente un minuto de duración, que propón unha palabra incorrecta, de uso común no galego, e ofrece sinónimos e consellos para darlle unha reviravolta a esas expresións.

Por último, o alumnado do centro colaborou na gravación dun novo capítulo do proxecto, que se emitirá a semana que vén nos perfís de Twitter (@g24noticias), Facebook (/g24noticias), na canle de Youtube (youtube.com/tvg) e na web da CRTVG, así como nos telexornais da Televisión de Galicia.

#DígochoEu intenta sempre seguir o fío da actualidade, como foi o caso das palabras ‘obrigado’, ‘navideño’ e máis recentemente con ‘coronavirus’, seguindo as suxestións que se reciben da audiencia. Cada día proponse unha peza á audiencia para promover a aprendizaxe e a corrección do galego, sumándose a outros proxectos xa en marcha da Corporación arredor da lingua. Entre eles, #InstaGal, que cumpriu recentemente un ano de vida e que se desenvolve no Instagram da Corporación para retratar a diversidade lingüística de Galicia, e que foi escollido nos últimos Premios Paraugas de Comunicación e Márketing de Galicia como Mellor Proxecto de Social Media. Coa mesma intención divulgadora dos usos da lingua, a Radio Galega conta cada sábado coa sección  ‘Apalabradas’ no magazine ‘Galicia por diante fin de semana’.

Fuente Crtvg.es