Especial seguimento da xornada electoral de Castela e León nos medios públicos galegos

0
9

Santiago, 12.02.2022.-  Os medios públicos galegos ofrecerán este domingo unha ampla cobertura informativa do transcurso do 13-F en Castela e León para analizar todas as claves desta cita coas urnas. O redactor xefe de Informativos da Televisión de Galicia, Marcos Sueiro, desprazado a distintas localidades de Castela e León, conectará esta fin de semana, en directo, con todos os espazos informativos, para poñer o foco nos fortes vínculos que existen entrambas comunidades lindeiras. E o propio día das eleccións, situarase no Centro de Datos de Valladolid para achegar información actualizada durante toda a xornada.

Na TVG, a partir das 19.55 horas, realizarase un avance informativo especial ‘Eleccións Castela e León 2022’, en que se narrará o peche dos colexios e se analizarán as enquisas que se vaian publicando. A canle pública estará moi pendente do escrutinio no ‘Telexornal serán’ e no espazo informativo matinal do luns, ‘Bos días’, interpretaranse os resultados e contarase coa avaliación dos protagonistas políticos.
        
As claves do 13-F, tamén na RG

O domingo ás 20.00 horas arrancará un especial informativo na Radio Galega, que se estenderá ata a medianoite, para ofrecer o minuto a minuto do escrutinio e as reaccións dos líderes políticos tras o reconto. Amais, referentes de opinión habituais da emisora pública, como Luís Pérez, María Cadaval, Javier Casqueiro, Ricardo Colmenero, Fernando Ónega e Bieito Rubido, entre outros, analizarán todas as claves da xornada.

Tamén os boletíns da RG trasladarán durante todo o 13-F información actualizada; e a través de G24.gal, ofreceranse en tempo real os resultados electorais e as primeiras valoracións.

Fuente Crtvg.es