Especial seguimento da xornada electoral madrileña nos medios públicos galegos

0
5

Santiago, 03.05.2021.-  Os medios públicos galegos ofrecerán este martes unha ampla cobertura informativa do transcurso do 4-M na Comunidade de Madrid para analizar todas as claves da cita coas urnas, nunha xornada electoral que determinará en boa medida o futuro escenario político nacional. A Televisión de Galicia e os boletíns da Radio Galega trasladarán información actualizada da xornada, desde a apertura dos colexios, datos de participación e ambiente e as votacións dos principais líderes políticos.

Na TVG, a partir das 19.50 horas, realizarase un especial ‘Eleccións Madrid 2021’, presentado por Carlos F. Amado. Desde o estudio 300 de San Marcos, ofreceranse os resultados dunha enquisa para FORTA sobre intención de voto e disporase da colaboración da profesora María Cadaval e o analista político Roberto Blanco Valdés. Tamén intervirá neste programa o analista político Santiago Martínez.

En Madrid, a Televisión de Galicia situará o xornalista Luis E. Ramos no Centro de Datos e contará coa participación en directo dos xornalistas Daniel Besteiro e María Jamardo. A canle pública seguirá moi pendente do escrutinio no ‘Telexornal serán’ e no ‘Telexornal noite’, que ofrecerá os resultados e as primeiras comparecencias e reaccións dos líderes políticos.
        
As claves da xornada, tamén na RG

A correspondente da Radio Galega en Madrid, Cruz Martínez, e o director da segunda edición de ‘A crónica’, Xosé Luís López Vila, relatarán desde a capital de España a evolución do proceso electoral. Ás 19.45 horas arrancará o especial informativo, que se estenderá ata a madrugada, e que analizará todas as claves da xornada con referentes de opinión habituais da Radio Galega, como Luís Pérez, Martín García Piñeiro, Javier Casqueiro, Ricardo Colmenero, Fernando Ónega, Bieito Rubido, Ana Luísa Bouza, María Jamardo, Susana Rodríguez, Arturo Maneiro, José Luís Jiménez e Fran Espiñeira.

Pola programación especial da Radio Galega pasarán tamén os directores dos principais xornais de Galicia, que aportarán múltiples perspectivas informativas dunha cita electoral con grande interese estatal.

Durante toda a xornada, o portal web crtvg.gal e os perfís nas redes sociais da CRTVG realizarán unha cobertura informativa especial, en que destacará a achega en tempo real dos resultados electorais a medida que se vaia producindo o escrutinio.

Fuente Crtvg.es