Espectáculo por todo o alto en ‘Bamboleo’, con Falete, o dúo As Lembranzas e a emblemática orquestra Los Satélites

0
16

Santiago, 09.10.2021.-    ‘Bamboleo’ (22.35 h) chega esta noite ás pantallas da Televisión de Galicia con Xosé Manuel Piñeiro á fronte e cunha suxestiva selección musical. Os convidados de hoxe son o artista sevillano Falete, o dúo galego As Lembranzas e a emblemática orquestra Los Satélites, así que o espectáculo promete.  

Pouco antes da pandemia, Falete lanzou o seu último disco, ‘Prefiero ser así’, un traballo que recolle versións de grandes artistas da música española e latinoamericana en forma de copla, balada, bolero e mesmo rancheira. O artista sevillano interpretará algúns dos temas que se inclúen neste último traballo discográfico, como ‘Virgen de Regla’ ou ‘Te estoy queriendo tanto’.

Estará así mesmo en ‘Bamboleo’ o dúo As Lembranzas, as irmás Merchi e Vanessa Tilve, que presentarán o seu disco ‘Gaëla’, un traballo co que xa están preparando unha xira internacional.

Unha das orquestras máis emblemáticas de Galicia, Los Satélites, encargarase de poñerlle o toque máis festivo á noite, mentres que Isi se ocupará do humor, cos seus sucedidos e as súas aventuras.

O ‘Dirtidansi’ terá como protagonistas os galegos Ismael e Paula, unha parella de baile deportivo que ofrecerá fantásticas exhibicións de jive e rumba-bolero. Pola súa parte, Elena Mon e Álex Barbosa subirán ao escenario de ‘Agora ou nunca’ para interpretar ‘Amor eterno’, de Rocío Dúrcal, e ‘Driver’s license’, de Olivia Rodrigo.

No karaoke de ‘A jrileira’ cantarán Manu, polo Club de Remo Puebla da Pobra do Caramiñal, e Irene, pola Sociedade Deportiva Urdilde, de Rois. En primeiro lugar, deberán cantar ‘Vida de rico’, de Camilo, e a continuación acertar o maior número de intérpretes en minuto e medio.

Finalmente, en ‘A ITV do amor’, unha parella de namorados porá a proba a súa capacidade de despiste para intentar gañar o premio.  Entrará en xogo o seu sentido do humor e, por suposto, o dos colaboradores, xa que Isi, Damián e Tamara estarán á que salta.

Fuente Crtvg.es