Esta fin de semana a G2 e a web da CRTVG emite, en directo, unha ampla oferta deportiva

0
6

Santiago, 14.02.2020.–   Os afeccionados ao deporte estarán acompañados polos medios públicos galegos esta fin de semana, que ofrecerán, en directo, pola G2 e pola web da CRTVG a Euroliga de Hóckey sobre patíns, os encontros dos conxuntos galegos de fútbol de Segunda División B, a Liga Asobal de balonmán e a LEB Ouro de baloncesto.

O sábado, as retransmisións comezan ás 18:00 horas no Pazo Provincial dos Deportes co encontro entre o Leche Río Breogán e o Carramimbre CBC Valladolid. Os galegos ocupan a sexta posición da táboa, con 34 puntos, e enfróntanse ao conxunto valisoletano, que se sitúa 4 puntos por riba. O Breogán saltará á cancha coa intención de acadar a vitoria para esquecer a derrota da semana pasada ante o HLA Alicante por 83-66. Pola súa parte, os de Valladolid impuxéronse 74-66 ao B The Travel Brand Mallorca e queren continuar co ritmo que levan nesta temporada para afastarse do Delteco Gipuzkoa Basket na táboa de clasificación, do que están separados por un punto. Polo xeral, a LEB Ouro é unha liga moi igualada, e se os galegos saen vitoriosos deste encontro optarían a ocupar o terceiro posto da clasificación. 

Ás 20:00 horas será a quenda da quinta xornada da fase de grupos da Liga Europea de hóckey sobre patíns, en que o Deportivo Liceo se enfronta ao conxunto italiano H. Forte Dei Mambi no Pazo dos Deportes de Riazor. Este encontro pode certificar o pase aos cuartos de final para o equipo da cidade herculina, pois precisa só un punto para certificar a súa presenza entre os oito mellores equipos do continente da máxima competición europea de hóckey sobre patíns. O Liceo saíu vitorioso ante o conxunto italiano na ida por 2-6 e actualmente é colíder do Grupo D con 9 puntos, sobre os 4 que ten o Forte Dei Marmi.

O Coruxo F.C inaugura as emisións deportivas do domingo na G2 e na web da CRTVG ás 12:00 horas no espazo ‘A Liga das Cidades’, co partido que disputará no Vao ante o Atlético Baleares da xornada 25 da Segunda División B de fútbol. O conxunto vigués continúa sendo o único galego nos postos de ‘play off’, ocupando a cuarta posición, con 37 puntos. Neste encontro buscará acadar a vitoria para recortar distancias co terceiro clasificado, o Atlético B, e esquecer a derrota da semana pasada ante o UD Ibiza logo de tres xornadas consecutivas gañando. Desta volta tamén será un partido moi disputado, xa que se enfronta co primeiro clasificado que quere afianzar o seu liderado. Esta é a segunda xornada consecutiva en que o Atlético Baleares se enfronta a un conxunto galego, a anterior, na casa vencendo ao Pontevedra por 3 a 1.

Ao mesmo tempo que o Coruxo, a G2 e a web realizarán conexións en directo co Rácing de Ferrol – U. D. Eivisa, desde A Malata. Este partido estará moi igualado, xa que ambos conxuntos están empatados a puntos con perigo de estar na zona do descenso, tan só dous puntos por riba.

Xa pola tarde, continuando na ‘Liga das Cidades’, ofrecerase en directo desde Pasarón o Pontevedra C. F. – Real Oviedo B ás 17:00 horas. Os granates continúan vendo como pasan as xornadas sen conseguir os 3 puntos da vitoria; comezaron o ano na quinta praza e actualmente ocupan a décima posición, con 31 puntos, tan só a tres puntos do descenso. Os da cidade do Lérez precisan da vitoria para afastarse dos postos de perigo. Pola súa parte, o Oviedo ocupa o décimo sétimo posto da táboa con 28 puntos, e afrontará este partido con moitas ansias para intentar saír da situación de perigo.

Ás 19:00 horas, a G2 e crtvg.gal finalizarán as retransmisións futbolísticas e será a quenda da xornada 17 da Liga Asobal de balonmán no Pavillón Municipal de O Gatañal entre o Frigoríficos do Morrazo Club Balonmán Cangas e o Quabit Guadalaxara. Este choque será complicado para ambos conxuntos, xa que están loitando para zafarse dos postos de descenso. Os locais ocupan a última posición, con 7 puntos, levan dúas xornadas consecutivas perdendo e non ven a vitoria desde o 7 de decembro, ante o Bada Huesca por 23-19. Os manchegos están catro puntos por riba, ocupando o décimo cuarto posto. Na xornada anterior o Guadalaxara perdeu 26-31 co BM Logroño A Rioxa. 

Fuente Crtvg.es