Este domingo, en ‘A Estiba’, a insostible situación no porto estoupa co asasinato dun estibador crebafolgas

0
7

Santiago, 08.12.2019.-   Na entrega desta semana de ‘A Estiba’ (23.00 h), a situación no porto é insostible. Xavier é un deses estibadores desesperados. A súa muller Helena dille que necesitan cartos. Teñen un fillo pequeno e a Xavier non lle queda outra que ser un crebafolgas. Ao pouco de volver ao traballo, aparece aforcado nun dos guindastres, asasinado.

Manuela está cabreada porque César e os seus homes baixaron o corpo de Xavier alterando a escena do crime. Os estibadores son os principais sospeitosos. Para defenderse, César dille a Antón que investigue quen foi o culpable da morte, pero, precisamente, é o ADN de Antón o que aparece no corpo de Xavier. Antón ten coartada, pero Cruz, nunha noite de excesos, dálle o nome do rapaz á prensa e sinálao como principal sospeitoso da morte do estibador.

No concello tamén están a sufrir as consecuencias do asasinato. A presión de Marcos sobre os estibadores sinálao como parte culpable e Ardora vólvese na súa contra. Para calmar os ánimos, Estevo, o tenente de alcalde, propón unha entrevista. Pero Marcos quéntase e muda o relato conciliador, acusando directamente a César. Se Marcos non quere perder o cargo, o mellor será que pida axuda. Estevo pásalle o contacto de Lionel,  un misterioso home de negocios que semella interesado en Ardora e no proxecto do porto.

Despois de que Marcos, para non manchar a súa imaxe, lle retire a oferta de traballo a Rosalía, a mediana das Fortes chama á porta de Lionel. O encargado de Recursos Humanos non quere saber nada dela, xa que está marcada. Pero cando Lionel a escoita falar é consciente do potencial da ex de Marcos e decide contratala.

Mentres tanto, na comisaría, Sofía non afrouxa. Manuela atópaa na súa casa, con Mercedes. Consciente do perigo, Manuela pídelle axuda a Kubala para revisar a documentación de Emilio e descobre que o seu pai traballaba para César e que os movementos dos cartos tamén salpican a Mercedes. Para salvar a familia, Manuela e as súas irmás destrúen esa parte da documentación. Cando Kubala se decata do que fixo Manuela, cabréase con ela, unha rifa que o achega cada vez máis a Sofía.

Fuente Crtvg.es