Este luns regresa á RG o programa deportivo ‘Zona Mixta’

0
23

Santiago, 08.05.2020.- Os oíntes da Radio Galega poden gozar de novo do programa ‘Zona Mixta’. Este luns 11 de maio, Carlos Alonso regresa ás 15:00 horas con toda a información deportiva, nunha hora de emisión con noticias, opinións e entretemento.

A volta de ‘Zona Mixta’ coincide coa volta dos adestramentos por parte dos tres equipos grandes do noso fútbol, o Celta, o Deportivo e o Lugo, que a partir do mes de xuño afrontarán o último treito da Liga co obxectivo de acadar a permanencia. A información dos tres equipos galegos que compiten en Primeira e Segunda división son o piar do espazo, que se completa coa actualidade doutras disciplinas e dos deportistas galegos máis destacados. No último treito, ‘Zona Mixta’ abre os micrófonos aos analistas para o tempo de opinión ‘Vale furar’. 

Os oíntes poden seguir o programa en directo pola FM, TDT, radiogalega.gal e aplicacións móbiles como Radioplayer España; en diferido, a calquera do día, no podcast da páxina web da Radio Galega; e tamén a través da conta de Twitter @RgZonamixta. De feito, durante os últimos dous meses, a redacción do programa continuou traballando cada día nas redes sociais para que os seareiros estivesen ao tanto do que pasaba no deporte galego durante toda a mañá. 

‘Zona Mixta’ únese no día a día da información deportiva na Radio Galega ao espazo ‘Ao Contraataque’, con Pedro Pablo Alonso, que se emite de luns a xoves ás 21:00 h mentres a edición dominical cos mellores momentos da semana principia ás 23:00 horas. Os venres, ‘Galicia en Goles’ continúa de 21:00 h a 23:00 horas con Paco Santos, mentres os sábados e os domingos as edicións conducidas por Xoán Galán ocupan a faixa da tarde desde as 17:00 horas. O sábado tamén é o día da revista do motor ‘Gas a fondo’, a partir das 23:00 h, e do programa olímpico ‘Galicia en Toquio’, ás 23:30 horas.

#Coidémonos         #SairemosXuntosDisto

Fuente Crtvg.es