Este sábado comeza a nova temporada do ‘Galicia en goles’ co Celta-Español

0
16

Santiago, 11.8.2022.- Remataron as vacacións para o fútbol profesional e este sábado regresa ‘Galicia en goles’ coincidindo coa primeira xornada da Liga. O sábado, desde as 4 da tarde, o programa que dirixe Xoán Galán estará en Balaídos para retransmitir o Celta-Español. Roberto Carlos Carballo encargarase da narración do xogo, co micrófono sen fíos de Víctor López e a análise dos especialistas Moncho Carnero e Jose Valtierra.

Cando remate o encontro de Vigo, o protagonismo será para A Coruña coa disputa do trofeo Teresa Herrera. O clásico do verán celebra dúas edicións: a feminina, co Deportivo-Famaliçao de Portugal, e a masculina, co Deportivo-Metalist de Ucraína. Alfonso Núñez contará o que suceda nas dúas citas, coa opinión do exfutbolista Xosé Manuel Traba.

Na tarde do sábado, a Copa Federación tamén terá cobertura coa eliminatoria en Bouzas entre o Rápido e o Arenteiro.

Xa o domingo, ‘Galicia en goles’ comezará ás 6 da tarde para seguir os partidos da Copa RFEF Estradense-Arousa e Arzúa-Compostela, ademais da homenaxe en Bertamiráns ao exxogador do Lugo Fernando Seoane.

O luns tamén haberá programa desde as 7 da tarde, coa retransmisión do encontro da Segunda División Profesional entre o Lugo e o Albacete, da man de Roberto Carlos Carballo, Emilio González e Rafa Porto. Durante a tarde haberá conexións co amigable entre o Viveiro e o Rácing de Ferrol.

Na nova temporada deportiva, ‘Galicia en goles’ incorpora o xornalista Anxo Tato, que se encargará da animación radiofónica e as redes sociais.

Fuente Crtvg.es