Estrea esta noite de ‘Saudade de ti’, a nova serie diaria para o prime time da TVG

0
75

Santiago, 03.07.2022.-   A Televisión de Galicia estrea esta noite, en horario de máxima audiencia, ‘Saudade de ti’ (22.55 h), a nova serie diaria para o prime time, que os espectadores poderán seguir de domingo a xoves a partir das 22.30 h. Cun ton realista, dramático e vitalista, esta ficción parte dun tráxico accidente de tráfico en que morren dúas persoas e que sacode a vida de tres familias e obriga unha doutora nova, filla dunha das falecidas, a facerse cargo do seu pai, da consulta médica da vila e de todos os pacientes da contorna, á vez que se pechan as feridas polo ocorrido.

Baixo a melodía e o retrouso da popular canción de Andrés do Barro, os temas principais da serie son a saudade das persoas que morreron, a saudade das persoas que deixaron o seu fogar e agora regresan e a saudade dos amores que se apagaron e que  volven prender.

A proximidade, a identificación co propio, é unha das claves de ‘Saudade de ti’, unha serie moi pegada á realidade e aos conflitos, grandes e pequenos, que todos podemos ter ao longo da vida. É unha historia en que haberá dor e complicacións, pero o foco estará orientado a ver como os personaxes se sobrepoñen e conseguen atopar o lado máis luminoso da vida.

O elenco de ‘Saudade de ti’ está encabezado por Manuel San Martín e Mayka Braña, que volven ser parella despois dos seus inesquecibles personaxes de Sara e Manuel en ‘Libro de Familia’, María Tasende, Adrián Castiñeiras, César Cambeiro, Fran Nogueira, María Costas e Alfonso Agra, entre outros.

O punto de partida da serie é a noite en que a vila mariñeira de Abrente celebra as festas do Carme, cando un accidente de tráfico leva por diante a vida de dúas veciñas. Na arrepiante colisión morren unha moza chamada Uxía e Olga, a coñecida médica da vila. As falecidas deixan atrás unha morea de incógnitas e axiña as malas linguas comezan a espallar rumores: porque a moza non tiña carné de conducir? Por que a doutora viaxaba acompañada dun home que non era o seu marido? No accidente da noite do Carme non só houbo quen perdeu unha nai, unha esposa e unha filla. Todo Abrente comprobou como a súa tranquilidade saltaba polos aires.

Tras a perda de Olga, Celia volve á vila coa súa filla Noa para acompañar a Isidro, o seu apesarado pai, e ocupar o lugar da súa nai na consulta. E non só iso, senón que tamén coñece o aposto enfermeiro co que terá que pasar tantas horas, unha situación que tamén esperta os celos dun apaixonado amor do pasado. Un home que podería ser a resposta á pregunta que Noa leva facéndose toda a vida: quen é seu pai?

Na familia Eiroa, Teresa trata de levar cara adiante o bar familiar sen esquecer nin por un segundo a rabia que sente cara ao responsable da morte da súa filla Uxía: Lucho, o seu prometido, o home que ía de copiloto aquela fatídica noite.

Os López de Castro, a familia máis poderosa e adiñeirada de Abrente, tamén se viron afectados pola traxedia. Gaspar, o patriarca, recupérase lentamente das secuelas do accidente. El era o home que viaxaba con Olga e Adela, a súa muller, non remata de crer os motivos que xustifican que estivese coa doutora aquela noite. Pero tampouco pode permitir que os murmurios dos veciños afundan a reputación que tantos anos lle custou labrar. O seu matrimonio está en xogo, pero tamén a loita polo control da empresa familiar.

Estrea arroupada por un ‘Eventos G’

Xusto tras a presentación de ‘Saudade de ti’, a nova serie que marcará un antes e un despois na TVG, o ‘Eventos G’ (23.35 h) de hoxe chegará para destapar todos os segredos que agocha esta produción de emisión diaria.

O elenco completo deste primeiro episodio reunirase con María Mera e Arturo Fernández para falar desta nova serie galega, que non ten nada que envexar das series turcas que están a triunfar no mundo enteiro. Todo empeza a noite das festas do Carme. Hai un accidente, dúas parellas implicadas, dúas mortes, unha suposta infidelidade e toda a vila falando disto. Eses son os ingredientes da nova serie, que non vai deixar a ninguén indiferente.

E o ‘Eventos G’ desta noite chega para que os espectadores coñezan máis do que pasou, descubran dous grandes segredos da serie antes que ninguén, e vexan as actrices e os actores cantar coma nunca antes. María Tasende, Adrián Castiñerias e Fran Nogueira conforman o triángulo amoroso da serie, e o elenco complétase con César Cambeiro, Mayka Braña, Manuel San Martín, María Costas, Alfonso Agra, Carmen Méndez, Fernando Morán, Cristina Andrade, Dani Medín, Carmen Méndez, Alberto Rolán, Paku Granxa e Beatriz Serén, entre outros.

Fuente Crtvg.es