Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas, acusa o Goberno no ‘Bos Días’ de seguir ocultando as causas da derruba na A-6

0
24

Santiago, 28.09.2022.-   Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, foi entrevistada este mércores no informativo ‘Bos Días’ da Televisión de Galicia para falar dos temas de actualidade do seu departamento. Na conversa con Fran L. Iglesias comezouse salientando a boa resposta dos usuarios do transporte urbano e interurbano tras implementar as bonificacións este mes de setembro.

O 1 de setembro a Xunta de Galicia comezou a bonificar o 40 % da parte autonómica do billete do transporte interurbano e urbano, que supón a metade do prezo do billete. Estas bonificacións están implementadas “neste contexto de inflación desbocada e prezos dos carburantes altamente elevados no que temos que avanzar cara a unha mobilidade máis sostible”, explicou a conselleira. “Apostamos por esa mobilidade alternativa, máis sostible, máis segura e apostamos por una mobilidade máis saudable que tamén é unha mobilidade a pé, por iso nos últimos años executamos máis de 200 quilómetros de sendas peonís”.

Sobre a mobilidade no rural, Ethel Vázquez dixo que “co novo Plan de Transporte Público de Galicia conseguimos renovar as 3.400 liñas de transporte para que chegue o autobús onde antes non chegaba e ter unha diversificación territorial do transporte público da nosa competencia, con novidades de transporte innovadoras que se adaptan moi ben ás nosas necesidades galegas, como o bus compartido, utilizar as prazas baleiras do transporte escolar e tamén o transporte a demanda para evitar que os autobuses anden baleiros”.

“O que pedimos ao Goberno central é que non afonde nas desigualdades de transporte público de competencia estatal, como está a facer. Vemos desigualdade co ferrocarril. Non hai alternativa ferroviaria”, salientou, xa que considera que “se está vendo falta de planificación e falta de prazas para os usuarios, mala xestión da aplicación de Renfe, frecuencias incompatibles coa vida laboral e mesmo frecuencias que desapareceron na pandemia e non se recuperaron. Pedimos que se habiliten os reforzos necesarios”.

A conselleira de Infraestruturas lamenta que non se atendan as súas demandas e que sempre se demoren os prazos acordados co Goberno central, como ocorre coa chegada dos trens Avril, para que a alta velocidade chegue ás cidades de Galicia, porque en “Galicia temos un ancho de vía diferente ao que hai no resto de España, e por iso levamos anos insistindo na necesidade dos trens Avril”.

A Xunta acusa o Goberno central de ocultar os motivos do colapso da A-6

Sobre o colapso do viaduto de Pedrafita na A-6, Ethel Vazquez é contundente ao afirmar que o Goberno Central xa coñece os motivos desa caída e acúsao de ocultalos: “o viaduto estivo pechado durante un ano, investidos 26 millóns de euros a través dunha obra de emerxencia e despois colapsa; e se nos comunica que o viaduto xemelgo, executado na mesma época, vai abrir no 2023. Creo que calquera pode sacar conclusións. Se dis iso é porque se coñecen as causas, porque se se coñecen é como solucionas o problema definitivo. Pedimos una explicación clara e contundente”.

Canto á modificación do regulamento da Lei de Costas, a conselleira de Infraestruturas explica que lles “preocupa enormemente porque é un regulamento do que depende a actividade económica de Galicia relacionado co mar, a competitividade e moitas instalacións depuradoras. A Xunta de Galicia tomou unha decisión moi acertada dada a negativa do Goberno de España en transferirnos as competencias”.

Fuente Crtvg.es