‘Eu quero verbena’ celebra esta noite o regreso dunha das tradicións festeiras máis enraizadas en Galicia

0
106

Santiago, 23.06.2021.-    Na edición desta semana do trouleiro programa ‘Eu quero…’ (22.30 h), as verbenas, que por fin volveron aos palcos de toda Galicia, con limitación de aforo e todas as medidas de seguridade, serán as protagonistas absolutas, xa que se fará un percorrido polas celebracións que a pasada fin de semana levaron alegría e diversión a milleiros de persoas.

Eu quero verbena’ é un programa especial dedicado a unha das tradicións festeiras máis enraizadas en Galicia e proporá unha intensa e divertida viaxe polas catro provincias para descubrir as historias da xente que vive con auténtica paixón a verbena. As reporteiras Adela Bértolo, Fátima Mella, María Rial e Raquel Castro serán as encargadas de facer este percorrido cheo de música e baile para todos os gustos.
    
Para comezar, estarán na verbena da orquestra Cinema, no concello ourensán do Carballiño. Alí acudiron un milleiro persoas para gozar dos ritmos dunha das formacións máis prestixiosas do país. Todo un espectáculo en que, ademais de música, tamén houbo acrobacias e maxia.
    
A continuación viaxarán ao concello coruñés de Arteixo. Alí actuou a orquestra Los Satélites, que, para moitos, é a mellor de Galicia. As reporteiras compartirán ensaios e nervios previos con todos os seus membros e, claro está, tamén gozarán da verbena co público.
        
A seguinte parada será no concello pontevedrés de Marín. Neste caso, a orquestra Marbella será a encargada de facer cantar e bailar todos os asistentes. Como se preparan para volver? Que comen antes da actuación? Son preguntas que esta noite terán resposta en ‘Eu quero verbena’.

O percorrido do programa deste mércores tamén levará os espectadores a Mondoñedo, na provincia de Lugo, onde as reporteiras asistirán á verbena ofrecida pola orquestra Principal. O público agardaba ansioso esta actuación para xuntarse con familia e amigos e, antes de bailar, tomar unha tapa de polbo polos arredores do campo da festa.
    
Neste espazo tamén se presentarán os maiores fans que a Cinema ten na cidade de Lugo e se afondará nas historias dos dúos e dos tríos que xa están preparando as verbenas deste verán. E mesmo haberá tempo para coñecer as opinións da xente sobre os hábitos dos galegos nunha verbena das de toda a vida.

Fuente Crtvg.es