Fabiola García, conselleira de Política Social: «é necesario facer unha reflexión sobre o modelo de futuro das residencias de persoas maiores»

0
11

Santiago, 25.10.2021.-     Fabiola García,  conselleira de Política Social, foi entrevistada este luns no espazo ‘Bos Días’ da TVG, onde fixo balance da situación nas residencias de persoas maiores, especialmente afectadas pola pandemia, e nas que se reactivaron, cun sistema de reserva de cita, as visitas aos maiores que “xa poden ver con normalidade as súas familias, saír ao exterior e facer actividades grupais”, indicou.    

De cara ao futuro destes centros, a conselleira explicou que é necesario facer unha reflexión sobre o modelo de futuro, a coordinación entre as distintas administracións e seguir incorporando a tecnoloxía para que, por exemplo, os residentes poidan facer videoconferencias cos seus familiares así como establecer “unidades de convivencia máis pequenas, dunhas 25 persoas, en que convivan, como nunha casa grande” e que teñan tamén “zonas axardinadas, que poidan pasear e recibir visitas”.

Fabiola García salientou na entrevista a importancia dos servizos aos maiores que queren seguir nos seus fogares, e que máis de 24.000 persoas están a recibir o servizo de axuda no fogar atendidos por un profesional, así como o novo acordo asinado para apoiar o financiamento desta prestación que xestionan os concellos e que acaba de pasar a 11 euros/hora. Tamén explicou “o traballo de unificación do servizo nos distintos concellos, coa elaboración dun prototipo de guía para tratar de prestar un servizo homoxéneo”.

A conselleira resaltou a construción de centros de día, financiados pola Fundación Amancio Ortega, nas sete cidades principais, que ofertarán “900 prazas públicas de atención aos maiores e serán residencias de referencia a nivel europeo”. E tamén que “as persoas que viven nas cidades teñen máis recursos, por iso estamos abrindo centros no rural, as casas do maior, para atendelos todo o día a que logo volvan a durmir á súa casa”, nun servizo que, resaltou, está servindo de modelo para outras comunidades autónomas.

Sobre o orzamento galego para 2022 para gasto social, 900 millóns de euros, a conselleira indicou que se dedicará aos tres colectivos máis necesitados: maiores, persoas con discapacidade e familias que están a pasar unha mala situación económica, “que teñen en Galicia unha renta de inclusión social garantizada”. Para rematar, Fabiola García salientou o recente anuncio feito polo presidente da Xunta de Galicia sobre a gratuidade a partir do próximo ano de toda a educación infantil para todas as familias, ata os 3 anos dos nenos galegos.

Fuente Crtvg.es