Fabiola García, conselleira de Política Social: «Os nenos poderán ir á escola infantil que os pais queiran sen ter que pagar nada»

0
10

Santiago, 28.07.2022.-    Fabiola García Martínez, conselleira de Política Social, foi entrevistada este xoves no informativo ‘Bos Días’ da Televisión de Galicia, nunha conversa en que explicou, entre outras cuestións, como se están preparando as escolas infantís da rede pública de cara ao vindeiro curso, que “vai ser histórico, porque Galicia vai ser a única comunidade que vai aplicar a gratuidade total na educación infantil, para todos os pais de Galicia, con independencia da renda e tamén para todas as escolas infantís”.

Desta medida beneficiaranse 30.000 familias: “As familias van poder aforrar entre 1.500 e 2.000 euros ao ano, que é o que estaban pagando pola escola infantil de seu fillo”, explicou a conselleira de Política Social. “Van poder ir á escola infantil que os pais queiran sen ter que pagar absolutamente nada”, salientou, e “sen ter que tramitar ningún tipo de documentación para a Xunta de Galicia; simplemente ir á escola infantil e dicir que queren levar alí o seu fillo”, rematou. Ao respecto da proposta do Goberno central nesta cuestión, Fabiola García sinalou que non lle gusta porque “implicaría a supresión inmediata de máis de 2.500 prazas en escolas infantís”. “O Goberno central o que pretende é aprobar un real decreto para regular todos os centros educativos. E, como din, España é diversa, España é plural. Cada comunidade ten as súas características”, aclarou.

A conversa atendeu tamén a cuestión da creación de novas prazas en residencias para maiores. “Agardamos a apertura de máis de 900 prazas públicas. Estamos construíndo esas sete residencias que financia a Fundación Amancio Ortega e a maiores está tamén a Xunta de Galicia construíndo con recursos propios máis residencias, como vai ser a da comarca da Barbanza, en Ribeira, a de Antas de Ulla, a nova residencia de discapacidade na cidade de Ourense”, explicou Fabiola García, para engadir que se vai aplicar “un novo modelo de coidados baseado en tres piares”. O primeiro serán “as melloras estruturais e arquitectónicas, haberá máis cuartos individuais, unidades de convivencia máis pequenas de 25 persoas e, sempre que sexa posible, que o centro residencial conte con zonas axardinadas”. O segundo piar será a “incorporación das novas tecnoloxías en diferentes ámbitos, como a rehabilitación”, e o terceiro “será unha maior coordinación sociosanitaria, crearanse os centros de coidados intermedios para devolverlle a autonomía necesaria a unha persoa tras un ingreso hospitalario antes de volver ao fogar”.

A entrevista rematou cunha última cuestión arredor da atención social no marco dos incendios forestais. A conselleira sinalou que “desde o primeiro momento, a Xunta de Galicia puxo á disposición dos equipos de emerxencias máis de 50 prazas de residencias para todas as familias que necesitaban coidados despois de verse afectadas polos incendios forestais. Foron 14 en total as persoas que realoxamos e agora, despois de visitalas, dicíannos que eles querían volver ás súas casas e a maioría deles agora xa puideron volver”.

En Galicia hai máis de 2.400 refuxiados ucraínos

A conselleira de Política Social explicou tamén como desde a Xunta de Galicia se está atendendo os máis de 2.400 refuxiados de Ucraína “con todos os recursos que están á nosa disposición. Amais, durante tres meses estivo unha unidade móbil recorrendo os concellos de Galicia, dándolles información. Agora estamos traballando de cara a esa formación para que se incorporen ao mercado laboral”.

Para rematar, e á pregunta arredor da cuestión do traspaso da xestión do ingreso mínimo vital, Fabiola Garcia indicou que “está como estaba porque o Goberno central non arranca. Nós mostramos a nosa disposición, pero non temos moitas máis noticias. Parece que non queren traspasarnos esa xestión. Ao final os prexudicados son as persoas perceptoras. Seguen esperando por ese ingreso mínimo vital máis de oito meses. Por iso a maioría das persoas que necesitan unha axuda de forma inmediata están decidindo manterse na renda autonómica que xestionamos nós e non pasarse ingreso estatal”.

Fuente Crtvg.es