Fin de semana polideportiva na CRTVG, con fútbol sala, balonmán, baloncesto, voleibol, hóckey e fútbol

0
14

Santiago, 26.02.2021.-  Fin de semana polideportiva nos medios públicos galegos, con transmisións de equipos galegos de fútbol sala, balonmán, voleibol, baloncesto, hóckey e fútbol. O sábado, ás 17.00 horas, a G2 e a web da CRTVG achegarán a primeira proposta deportiva, entre o Fútbol Emotion Zaragoza e o Burela Pescados Rubén F. S., correspondente á xornada 22 da División de Honra de fútbol sala masculino. Ambos equipos, situados na parte baixa da táboa, xogarán con intensidade para facerse cos puntos do partido.

A continuación, ás 19.00 horas, ofrecerase unha nova cita de balonmán masculino na Liga Asobal co Frigoríficos Morrazo de Cangas e o C. B. Villa de Aranda como protagonistas. Unha vitoria imprescindible para os dous conxuntos. Mentres que o Cangas asiste a este encontro forte de moral tras vencer no último partido, o conxunto visitante é un rival angustiado por cambiar o seu mal momento e volver sumar.

A maiores, a web da CRTVG tamén transmitirá, ás 19.00 horas, un partido da Superliga masculina de voleibol, entre o Rotogal Boiro V. B. e o C. V. Teruel (en diferido, o domingo pola G2, ás 18.25 h).

O domingo, ás 12.30 horas, os medios públicos galegos volven mudar de disciplina para ofrecer un novo partido de baloncesto na liga LEB Ouro, que disputarán o líder da categoría, o Leche Río Breogán, e o Destino Palencia, tamén nos primeiros postos da táboa.

Pola tarde, o programa ‘A Liga das Cidades’ transmitirá o derbi provincial na Terceira galega, entre o C. D. Arenteiro e o U. D. Ourense (17.00 h). Os anfitrións reciben invictos na casa o equipo da capital, na que será a súa terceira saída seguida. O espazo realizará, amais, un carrusel polos campos da Terceira División galega.

A última transmisión en directo da fin de semana, ás 20.00 horas, corresponderá á OK Liga de hóckey, co partido que enfrontará o CH Palafrugell na casa cun Deportivo Liceo moi forte esta temporada.

Fuente Crtvg.es