Finaliza a rodaxe de ‘Welcome to ma maison’, documental participado pola TVG e dirixido por Andrés Goteira

0
19

Santiago, 08.08.2020.-  Finalizou a rodaxe de ‘Welcome to ma maison’ (‘Benvidos á miña cabeza’), documental participado pola TVG e novo traballo do galego Andrés Goteira, despois de varios meses de parada por mor da crise sanitaria. O director e guionista de ‘Dhogs’ (2017), o filme máis galardoado na historia dos Premios Mestre Mateo, realiza agora unha longametraxe documental íntima e con partes ficcionadas baseada nas desventuras do actor Igor Fernández.

Producido por Gaitafilmes, ‘Welcome to ma maison’ está protagonizado por Igor Fernández, un actor  que, tras un colapso emocional, decide afastarse da interpretación por un tempo e centrarse na investigación cinematográfica. Igor comeza a escribir un libro que versa sobre a linguaxe non verbal das mans na filmografía do director danés Nicolas Winding Refn. Desde entón, desexa encontrarse co seu idolatrado director, abrirse en canal con el e escribir un capítulo final para o seu libro. Para completar esta viaxe real e figurada de Igor Fernández, Andrés Goteira mantivo encontros con distintos referentes seus, amigos do director danés e expertos cinematográficos, que reflexionan sobre a linguaxe xestual no cine.

‘Welcome to ma maison’ forma parte das accións de apoio da CRTVG ao sector audiovisual galego, dentro do coñecido como o cumprimento do 6%. Contou, amais, coa participación da Agadic e da Deputación de Lugo.  

Fuente Crtvg.es