FORTA celebra o 24 e 25 de marzo en Málaga o foro ‘O futuro da radio’

0
10

Santiago, 21.03.2022.-    A Federación de Organismos ou Entidades de Radio e Televisión Autonómicos (FORTA), da que forma parte a CRTVG, organiza o primeiro foro ‘O futuro da radio’, que se celebrará en Málaga os vindeiros 24 e 25 de marzo. Estas xornadas, organizadas en colaboración coa Radio Televisión de Andalucía (RTVA), lévanse a cabo nun momento clave para a industria radiofónica das canles autonómicas, que se atopan en pleno proceso de dixitalización e traballando para facerlles fronte aos retos que chegarán os vindeiros anos.

Este foro reunirá directivos e membros de todas as canles asociadas e algúns dos principais expertos do espectro radiofónico no noso país, así como doutros sectores clave no ecosistema mediático onde se desenvolven as actividades das radios públicas autonómicas. Ante a desafiante perspectiva que para a radio ofrece o desenvolvemento dixital e a difusión worldwide, as canles membros de FORTA, entre elas, a Radio Galega, compartirán neste encontro coñecementos e estratexias, reforzando así o seu compromiso de colaboración, o que redundará en beneficio dos máis de dous millóns de oíntes que as seguen a diario.

Ante a proximidade da celebración do foro ‘O futuro da radio’, o presidente de FORTA, Andoni Aldekoa, quixo deixar constancia de que “o papel que teñen os medios públicos ten que ser en 360º. Os últimos estudos din que a radio ten moito percorrido por diante, pero estamos en pleno proceso de transformación. Por iso, a dixitalización dos contidos de audio é unha gran parte do noso futuro. Diso temos que falar e ímolo facer en Málaga porque queremos coñecer as últimas tendencias, porque queremos coñecer o comportamento das audiencias e porque precisamos ir cara a unha nova xeración de contidos no mundo dixital”.

Ás palabras do presidente de FORTA sumouse o director xeral de RTVA, Juande Mellado, quen puxo de manifesto que “os medios de comunicación están a vivir unha axitación debido á transformación dixital e esa transformación tamén lle afecta á radio, pero este medio ten unha gran capacidade de adaptación aos cambios. Por iso temos que desenvolver as plataformas dixitais para adecuarnos aos hábitos de consumo. Aínda que a radio tamén ten que volver á rúa, a contar a realidade e a seguir con esa credibilidade que fai que sexa imbatible”.

Fuente Crtvg.es