FORTA conmemora os seus 30 anos de servizo aos cidadáns

0
6

Santiago, 13.06.2019.- A Federación de Organismos de Radio e Televisión Autonómicas (FORTA) conmemorou hoxe o seu 30 aniversario en Chillida Leku, Hernani, no transcurso da celebración da súa xunta xeral, á que asistiron representantes das súas entidades membro e na que, ademais, se deu o visto bo a solicitar e iniciar o proceso de incorporación da Federación como socio de pleno dereito da Unión Europea de Radiodifusión (UER).

Os directores xerais dos distintos servizos audiovisuais públicos autonómicos englobados en FORTA coincidiron en resaltar o importante papel asumido pola Federación durante os seus 30 anos de existencia como organismo vertebrador, que posibilitou acadar metas comúns e defender o modelo de servizo público, que desenvolven na sociedade.

Para Alfonso Sánchez Izquierdo, director xeral da CRTVG, presente no acto, “a FORTA foi capaz de evolucionar e aglutinar todas as diferentes sensibilidades das comunidades que conforman España, as súas linguas, as súas culturas, as súas tradicións, e situalas todas baixo un teito común. Ese é o espírito reflectido na liña de comunicación da acción Loveo, que como slogan sostén:Compartimos diferenzas”. Non pode ser máis acertado este lema para describir o noso espírito de pervivencia e colaboración durante todos estes anos”.

En opinión do director xeral do Ens Public de Radiotelevisió de les Illes Balears e actual presidente de FORTA, Andreu Manresa, “FORTA é a historia dun éxito colectivo, unha federación de iguais que configura a pel audiovisual, social, deportiva, cultural e económica deste país, tan diverso e semellante”. Incidiu en que “as industrias de produción cultural e información, os sistemas públicos audiovisuais, subsistirán pola súa necesidade como eixe do sistema democrático. A demanda existe, a poboación –toda- reclama que alguén lle conte que pasa ou se inventa. Ninguén substituirá a mirada humana, o ollo persoal, a voz e o relato directo. Este é o noso rol ante todas as xeracións”.

En definitiva, neste encontro púxose de manifesto que adaptarse, en maior medida, aos novos tempos e á dixitalización –apostando pola emisión interactiva e transmedia-, satisfacer as demandas da poboación máis nova, tecer sinerxías na diversidade, competir con outros operadores e seguir unidos baixo un modelo colaborativo, así como aproveitar máis oportunidades para ter presenza e escalar a colaboración entre televisións a nivel europeo, son os principais retos de futuro. “A unión permítenos dar un discurso común en defensa das radios e televisións públicas”, concluíron os directores xerais dos organismos que forman parte de FORTA.

O evento contou tamén coa participación de Joaquín Durán, director de Canal Sur Radio e Televisión; Nuria Llorach, vicepresidenta e presidenta en funcións da Corporació Catalana de Mitjans Audiovisuals; José Pablo López, director xeral de Telemadrid; Enrique Soriano, presidente da Corporació Valenciana de Mitjans de Comunicació; Maite Iturbe, directora xeral de Euskal Irrati Telebista; Carmen Amores, directora xeral de Castela-A Mancha Media; José Carlos Naranjo, administrador único de Radio Televisión Canaria; Juan Miguel Aguado, director xeral da Radiotelevisión da Rexión de Murcia; Teresa Azcona, directora xeral da Corporación Aragonesa de Radio e Televisión, e Francisco González Orejas, director xeral da Radiotelevisión do Principado de Asturias.

Fuente: TVG

Dejar respuesta

Please enter your comment!
Please enter your name here