Funambulista, un dos artistas de maior éxito do pop español actual, convidado esta noite no ‘Bamboleo’

0
24

Santiago, 17.12.2022.-     ‘Bamboleo’ chega hoxe cunha magnífica selección musical para pasar unha noite alegre e divertida. Nesta ocasión, Xosé Manuel Piñeiro recibe a visita de Funambulista, un dos artistas de maior éxito do pop español actual. Diego Cantero, coñecido polo nome artístico de Funambulista, vén presentar seu novo disco, ‘Animal’, que recolle temas cheos de vitalidade e esperanza, como ‘Me gusta la vida’ ou ‘El mismo lugar’. O artista murciano falará desta nova etapa na súa carreira e participará nos xogos de Tamara Pérez e Claudio Pan.

Andrés Balado será outro dos convidados do ‘Bamboleo’ desta noite. Bautizado como ‘o Bruce Springsteen galego’ pola súa voz rachada e os seus toques roqueiros, o artista de Cariño presenta o seu disco ‘Entrelazados’.

A música máis verbeneira vai estar representada pola orquestra Marbella, mentres que o grupo Remember, que foi sete veces campión de Galicia, encherá de ritmo a pista de baile. Ademais, o polifacético Isi regresará con novas e divertidas historias.

Raquel García e David Vázquez serán os participantes desta noite no ‘Agora ou Nunca’, onde cantarán ‘Quédate conmigo’, de Pastora Soler, e ‘My Way’, de Frank Sinatra. Entoar unha canción e adiviñar intérpretes é o que lles agarda aos participantes de ‘A Jrileira’. Competirán nesta ocasión a Comisión de Festas de Santo Tomás de Ancorados, da Estrada, e a Comisión de Festas de Santa Marta da Laxe, de Vilagarcía de Arousa.

Finalmente, a ‘ITV do Amor’ porá a proba unha parella de namorados, que para levar un marabilloso premio deberán enganar un participante do público. É a proba máis picante do programa, en que colaboradores, público e xente da casa poden sacar as súas propias conclusións.

Fuente Crtvg.es