Fútbol, balonmán e baloncesto centran esta fin de semana a atención da segunda canle da Galega

0
9

Santiago, 12.11.2021.-    A xornada deportiva comezará esta fin de semana na segunda canle da Galega o sábado ás 16.00 h, cando se ofrecerá en directo o partido da 11ª xornada da Segunda División RFEF entre o C. D. Arenteiro e o C. Marino de Luanco. Dúas e tres xornadas levan ambos equipos, respectivamente, sen vencer e precisan con urxencia comezar a sumar de tres en tres para saír dunha zona vermella da que non se despegou ningún dos dous desde o comezo do curso.

A seguinte cita será ás 18.30 h, cando se disputa o partido da Liga Asobal de balonmán Cangas Frigoríficos do Morrazo-F. C. Barcelona. Os galegos atravesan un excelente momento de xogo e resultados, que porán a proba no seu choque contra o líder da competición.

Xa o domingo, ás 12.00 h, os espectadores da G2 poderán ver o encontro S. D. Compostela-A. D. Unión Adarve, que se xogará no Vero Boquete de Santiago. O conxunto madrileño sustenta o seu liderado nos seus números como local, ao non ceder un só punto ante a súa afección. Non ocorre así cando se xoga lonxe do Vicente del Bosque. En Santiago deberá lidar coa ausencia do seu goleador, Álvaro Montejo, que causará baixa por sanción.

O fútbol en directo da Segunda RFEF continuará pola tarde, a partir das 17.00 h, co partido entre o Pontevedra C. F. e o  C. D. A. Navalcarnero. Tras a última derrota ante o Unión Adarve, o obxectivo do conxunto pontevedrés para a recta final do ano pasa por facerse fortes en Pasarón. Isto suporía darlle unha ledicia á afección, que necesita velo gañar con contundencia e de xeito continuado.

A fin de semana rematará con baloncesto, concretamente co encontro Básquet Girona-Leyma Coruña, da LEB Ouro, que se retransmitirá ás 19.00 h. No seu último compromiso, o conxunto coruñés conseguiu un importante triunfo ante o Easycharger Palencia nun partido cheo de diversión, continuando así o seu bo momento.

Fuente Crtvg.es