Fútbol galego na 2ª RFEF e o Mundial de Motocrós, citas imperdibles, esta fin de semana, na CRTVG

0
9

Santiago, 18.3.2022.-  Chega unha nova fin de semana e os medios públicos galegos dirixen a súa atención cara aos campos de fútbol na Segunda RFEF. Dos tres partidos que a G2 e a G24.gal achegarán en directo, destacan nesta oferta dous dos derbis da xornada. O primeiro, o sábado, ás 17.00 horas, co C. D. Arenteiro-Bergantiños C. F.. Ambos precisan da vitoria: o club ourensán para fuxir da zona de descenso e o conxunto visitante, para progresar cara aos primeiros postos da táboa.

A continuación, ás 19.00 horas, poderase seguir o choque do Arousa S. C., nunha situación crítica e necesitado de vitoria, fronte ao C. D. Palencia, nunha posición máis cómoda. E o domingo, desde O Vao, transmitirase o segundo derbi de fútbol da xornada 26, un duelo no cumio da clasificación, entre o Coruxo F. C. e o Pontevedra C. F. (18.00 h).

Os galegos Jorge Prado e Rubén Fernández volverán facer vibrar os afeccionados ao motor este domingo (17.00 / 20.00 horas) na súa loita no Campionato do Mundo, desde o MXGP da Arxentina. O piloto lucense correrá polo liderado e o vigués intentará continuar a progresión e consolidarse entre os mellores. Este terceiro gran premio da tempada dispútase en Neuquén e, dos 33 pilotos en competición, dez correrán na casa. Cómpre salientar tamén as ausencias do campión e subcampión do ano pasado, Jeffrey Herlings e Romaine Febvre, respectivamente.

Pola súa parte, a segunda canle da Galega, a G2, achegará, amais, respectivos encontros destacados das ligas francesa e portuguesa de fútbol. Así, os espectadores poderán ver o domingo, en directo, a contenda da France Ligue 1, entre o A. S. Monaco F. C. e o PSG F. C. (12.50 h), e o partido da Primeira Liga portuguesa, que xogará o Vitoria S. C. Guimarães co Spórting Portugal (en diferido, ás 00.15 h).  

Fuente Crtvg.es