Fútbol sala, balonmán e a recta final na Segunda B, protagonistas da fin de semana deportiva dos medios públicos galegos

0
5

Santiago, 07.05.2021.-    A cita de cada fin de semana cos deportes comeza este sábado na G2 co partido de fútbol sala feminino Poio Pescamar-Pescados Rubén Burela (17.00 h). O equipo lucense acaba de gañar a Copa da Raíña e enlaza seis títulos nacionais consecutivos, unha xesta que ninguén alcanzara ata agora. A afección do Poio Pescamar volve ao pavillón da Seca 14 meses despois, nun momento clave da competición, a falta de tres xornadas para a finalización da liga regular e cun posto no play-off polo título en xogo.

A continuación, ás 19.00 h, será a quenda do balonmán, concretamente do partido Acanor Novás Valinox-Antequera. Nos dous próximos compromisos (o deste sábado e o da semana que vén ante o Torrelavega), o conxunto adestrado por Álvaro Senovilla xógase o soño do ascenso contra dous conxuntos que, hoxe por hoxe, ocupan as dúas únicas prazas que dan dereito a subir á Liga Asobal.

A xornada dominical comezará coa retransmisión, a partir das 12.00 h, do partido de fútbol de Segunda B entre o Coruxo F. C. e o C. D. Lealtad. Cando faltan tres xornadas para finalizar a fase de permanencia, o Coruxo está a un punto do Pontevedra, o líder, e acaricia a salvación, que os vigueses poderían conseguir se vencen no Vao, en cuxo caso os de Villaviciosa acabarían a xornada descendidos.

Xa pola tarde e dentro do espazo ‘A Liga das Cidades’ (17.00 h), que, coma cada semana, tamén ofrecerá o carrusel de Terceira División, os espectadores poderán seguir en directo o Pontevedra C. F.-Spórting de Xixón B. Neste importante encontro, os granates reciben un equipo que xa non ten nada en xogo e que competirá a vindeira temporada na Terceira RFEF.

A fin de semana deportiva rematará ás 19.00 h con balonmán. A segunda canle da Galega ofrecerá desde o Gatañal o partido Cangas Frigoríficos do Morrazo-Logroño. Na última xornada, o Cangas caeu na casa do equipo revelación desta temporada na Liga Asobal, o Bada Huesca.

Fuente Crtvg.es