Fútbol sala feminino, baloncesto LEB e a Terceira División de fútbol, protagonistas na oferta deportiva dos medios públicos galegos

0
14

Santiago, 14.05.2021.-    A oferta deportiva dos medios públicos galegos para esta fin de semana comezará o sábado ás 17.00 h, coa retransmisión da final da Copa Galicia de fútbol sala feminino, que disputarán o Pescados Rubén Burela e o Ourense Envialia. As ourensás vólvense enfrontar ao que foi o seu rival máis contundente este último mes. Desde o pasado 27 de marzo ambos os dous conxuntos víronse sobre o parqué ata tres veces, con dominio absoluto das lucenses, polo que o obxectivo do Envialia será non caer nunha cuarta ocasión.

A continuación, ás 19.00 h, o protagonista na segunda canle da Galega será o fútbol de Terceira División, concretamente o partido Ourense C. F.-S. D. Fisterra. O equipo local mantén o liderado do seu grupo na loita pola permanencia e intentará converter de novo O Couto nun fortín ante o conxunto revelación da categoría.

A xornada dominical comezará ás 12.30 h con baloncesto da Liga LEB, en que se medirán o Leyma Coruña e o Tau Castelló. Os coruñeses aspiran a acabar como primeiros de cara ao play off de ascenso á ACB e agardan que a presenza de público no Palacio dos Deportes de Riazor sexa un factor diferencial para conseguir a vitoria.

Pola tarde, a partir das 16.30 h, os espectadores da G2 poderán seguir en directo outro partido de Terceira División, o que enfrontará a U. D. Ourense e a A. G. Estudiantil. A xornada pasada, o conxunto ourensán conseguiu un triunfo vital antes As Pontes que lle permite achegarse á salvación.

Fuente Crtvg.es