‘Galicia Emerxe’ achega esta semana a música da Banda Crebinsky, que naceu vinculada ao cine, pero saltou ás rúas e aos escenarios

0
9

Santiago, 21.07.2021.-    O ciclo de concertos ‘Galicia Emerxe’ continúa este mércores na G2 coa actuación, a partir das 23.20 h, da Banda Crebinsky, unha formación directamente vinculada ao mundo do cine, “unha pequena orquestra popular xurdida dun universo imaxinario”, como se autodefinen.

O grupo nace co obxectivo de encargarse da banda sonora da película ‘Crebinsky’ (Enrique Otero, 2011), pero acaba saltando da pantalla para percorrer as rúas e os escenarios, medrando e desenvolvéndose con grande enerxía. A súa proposta musical está formada por composicións eclécticas e delirantes próximas á world music.

Dirixidos polo bielorruso Yukhnevich Vadim (voz e acordeón) e Pablo Pérez (compositor, arranxista e baixo), sete músicos de ampla carreira conforman a banda: Fernando Abreu (clarinete e vibráfono), Carlos Castro (percusión), Xacobe Lamas (violín), Miguel Queixas (batería), Pablo Carrera (guitarra e voz), Enrique Otero (teclados e voz) e Sergio Zearreta (voz).

As súas cancións están cheas de detalles e minuciosidades, tanto a nivel compositivo como de interpretación, pero é case imposible escoitar o seu espectáculo de forma reflexiva, xa que a contaxiosa vitalidade que transmite a Banda Crebinsky convida á festa sen paliativos.

Cunha duración de 40 minutos, este concerto estará dispoñible na web dos medios públicos galegos unha vez finalizada a súa emisión pola segunda canle da Galega e o sábado poderase ver na TVG (10.40 h), amais de escoitarse tamén en Radio Galega Música (22.00 h). Ademais, os espectadores poderán ver todos os concertos xa emitidos na páxina da CRTVG.

A CRTVG asinou un convenio coa Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) para difundir o ciclo ‘Galicia Emerxe’, conformado por un total de 50 concertos de destacados artistas e grupos galegos, no exercicio do seu papel como servizo público e co afán de apoiar o sector musical e de contribuír a visibilizar o seu traballo.

Fuente Crtvg.es