‘Galicia Emerxe’ trae á G2 en concerto a fusión de tradición e modernidade nos sons de Tanxugueiras

0
16

Santiago, 23.06.2021.- A G2 ofrece esta noite un novo concerto do ciclo ‘Galicia Emerxe’, que amosará en directo os temas máis recentes de Tanxugueiras, banda de pandeireteiras e cantareiras que, con só dous discos na rúa, conseguiu facerse cun oco destacado na música tradicional, cunhas letras que enxalzan a perspectiva de xénero e a identidade rural, e con importantes premios e recoñecementos do sector. A partir das 23.25 horas, o grupo formado por Aída, Sabela, Isaac e Olaia interpretará algunhas das cancións que recollen no seu segundo e último disco, ‘Contrapunto’, un traballo que incrementa as revolucións da música galega coa reinterpretación de coplas tradicionais, cheas de arranxos e harmonías diversas.

O proxecto das Tanxugueiras, como elas mesmas o definen, comezou coa idea de ir tocar os seráns e pasalo ben, pero aos poucos foron profesionalizándose e, a día de hoxe, queren que a xente vibre a través das cancións dos seus discos, das luces e do seu espectáculo. As cantareiras libéranse de prexuízos para consolidar a identidade dun grupo que explora con curiosidade a fusión da tradición con sonoridades urbanas e modernas.

Cunha duración de 40 minutos, este concerto estará dispoñible na web dos medios públicos galegos unha vez finalizada a súa emisión pola segunda canle da Galega, e o sábado poderase ver na TVG (10.40 h), amais de escoitarse tamén en Radio Galega Música (22.00 h). Ademais, os espectadores poderán ver todos os concertos xa emitidos na páxina da CRTVG.

No ciclo ‘Galicia Emerxe’, conformado por un total de 50 concertos de destacados artistas e grupos galegos, gravados no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, contarase nas vindeiras semanas coa música de Triángulo de Amor Bizarro, Susana Seivane, Uxía, Eladio y los Seres Queridos e De Vacas, entre outros.

A CRTVG asinou un convenio coa Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) para difundir o ciclo ‘Galicia Emerxe’ no exercicio do seu papel como servizo público e co afán de apoiar o sector musical e de contribuír a visibilizar o seu traballo.

Fuente Crtvg.es