‘Galicia en Goles’ retransmite a penúltima xornada da Liga de Fútbol

0
3

Santiago, 15.07.2020.- O equipo que prepara Óscar García Junyent quere certificar de xeito matemático a continuidade na elite este xoves en Balaídos. O Levante, que está na zona media da táboa, semella ser o rival ideal para xogar un partido chave.

A emisión comezará ás 20:30 horas, coa dirección de Toni López García. No pupitre de retransmisión no estadio vigués estará Roberto Carlos Carballo, apoiado polos especialistas Víctor López e Moncho Carnero.

A partir das 23:00 h, o espazo ‘Ao contraataque’ encargarase da análise do sucedido, escoitando a comparecencia do adestrador na sala de prensa de Balaídos e abrindo posteriormente  unha mesa de debate cos analistas.

O venres, o protagonismo da xornada será para a Segunda División. Desde as 20:30 horas, a Radio Galega ofrecerá os encontros Mirandés-Deportivo e Tenerife-Lugo. Os dous equipos galegos pelexan polo mesmo obxectivo: a continuidade na categoría de prata. O Deportivo complicouse tras perder fronte ao Extremadura, mentres o Lugo foi quen de sumar ante o potente Girona, pero os seus rivais directos gañaron, polo que continúa en postos de descenso á Segunda División B.

Todas as emisións deportivas chegan aos oíntes a través da FM, TDT, radiogalega.gal, aplicacións como Radioplayer España e os altofalantes Alexa. Ademais, no caso do Celta-Levante, os espectadores de Movistar teñen a opción de escoitar a retransmisión de ‘Galicia en Goles’ a través da canle de audio reservada polo operador televisivo para a Radio Galega.

Fuente Crtvg.es