‘Galicia en Goles’ retransmite este xoves o España-O Xapón do Mundial de Qatar

0
33

Santiago, 30.11.2022.-   Esta semana, o ‘Galicia en Goles’ da Radio Galega inicia as retransmisións deportivas no serán do xoves. Desde as 19.45 h, Paco Santos conduce unha edición especial centrada na última xornada da primeira fase do Mundial 2022, en que a selección española xoga o primeiro posto do grupo ante O Xapón. Tras empatar fronte a Alemaña, a selección de Luis Enrique é líder con 4 puntos, mentres o seu rival ocupa a segunda praza, con 3.

O venres, desde as 20.30 h, o programa estará centrado no baloncesto, coas citas da LEB Ouro para o Ourense ante o Cáceres e o Básquet Coruña fronte ao Alacant. No segundo treito, ‘Galicia en Goles’ analizará o calendario dos equipos galegos cos seus principais protagonistas.

O sábado, desde as 15.00 h, toda a atención estará posta en Riazor, onde o Deportivo da Coruña recibe o Córdoba, o líder do grupo primeiro da Primeira RFEF. Sete puntos separan os dous equipos, polo que o partido é decisivo para o conxunto herculino de cara a recortar diferenzas na clasificación e achegarse á única praza que dá dereito ao ascenso directo á Segunda División. Logo do fútbol chegará o baloncesto, co Obradoiro-Barcelona no Multiusos Fontes do Sar.

Durante o sábado, o proxecto #GaliciaEnXogo terá tres pases. O primeiro, ás 13.00 h, coa visita de Alfonso Pardo a Maside para presentar as escolas deportivas. O segundo, ás 15.15 h, é o dedicado aos xogos electrónicos en que destaquen xogadores galegos. Por último, entre as 23.00 e as 00.00 h, o mundo do motor e a actividade dos deportistas que preparan os Xogos de París serán protagonistas na última entrega do día.

Xa o domingo, a edición matinal comezará ás 12.00 h co Xirona-Breogán, da ACB, xunto ao fútbol da Segunda RFEF: Arenteiro-Ourense C. F. e Bergantiños-Zamora. A partir das 15.00 h, a emoción da xornada pasará polo derbi Pontevedra-Rácing de Ferrol, da Primeira RFEF, xunto ao Celta B-Alxeciras. Ás 23.00 h, os especialistas de ‘Ao Contraataque’ pasarán consulta no faladoiro para analizar os resultados dos equipos galegos.

Fuente Crtvg.es