'Galicia na túa memoria' pon en valor o arquivo da CRTVG

0
3

Santiago, 20.05.2019.- Coa súa reportaxe ‘Galicia na túa memoria’, o programa ‘Contraportada’ dos servizos informativos da TVG enxalzou o valor do arquivo histórico da CRTVG, que desde 1985 garda en soporte físico vídeos que xa forman parte da historia recente de Galicia e da memoria da sociedade galega.

María Jesús López Elvira, xefa do servizo de Arquivo e Documentación, salienta no documental que nos corredores do arquivo se atopa “a nosa historia social, a nosa vida cotiá, a nosa historia política e económica”. En resumo, “Galicia vista polos ollos da TVG”. Outros profesionais da TVG como o director de ‘Vivir o mar’, Anxo Rodríguez, ou o director de ‘O agro’, Manuel Cruz, resaltan a importancia deste fondo audiovisual para coñecer como a vida dos galegos nas últimas décadas. Entre os incontables minutos de cinta arquivados, atópanse documentados todos os feitos que marcaron a historia recente de Galicia, entre eles a traxedia do petroleiro Mar Egeo na costa coruñesa ou o accidente do Discoverer Enterprise na ponte das Pías en Ferrolterra, que se amosan na reportaxe.

Estes e outros contidos históricos gardados no arquivo da CRTVG pódense ver tamén en pasouoquepasou.crtvg.gal, que a modo de arquivo en liña permite o acceso, desde 2013, a unha selección de documentos audiovisuais que foron dixitalizados e editados especificamente para este servizo. 

O arquivo da CRTVG é o núcleo central da actividade da Corporación e elemento esencial e transversal do sistema de produción dixital inaugurado na TVG hai uns meses. Actualmente, no arquivo conviven un fondo histórico físico -que será obxecto de dixitalización- e os novos formatos dixitais. É tamén salientable o labor de servizo público do arquivo, desde o que se colabora anualmente con numerosas institucións, organismos e particulares que solicitan acceso a imaxes de fondo documental.

Fuente: TVG

Dejar respuesta

Please enter your comment!
Please enter your name here