Gayoso e os cantantes Roi e Sabela despiden o ano na TVG á fronte dunha gala musical cos artistas do momento

0
13

Santiago, 31.12.2019.-  Televisión de Galicia convida a audiencia a celebrar a noite máis festiva do ano na compaña de Xosé Ramón Gayoso e da música de máis éxito en 2019. Para esta gala (21.55 h), Gayoso non actuará só como mestre de cerimonias, xa que terá ao seu carón dous dos cantantes que máis destacaron este ano, o compostelán Roi Méndez e Sabela Ramil, natural da parroquia lucense de Bravos, intérpretes moi queridos polo público tras darse a coñecer no concurso televisivo Operación Triunfo. Roi e Sabela ofrecerán, ademais, algúns dos temas que inclúen en ‘Mi Lógico Desorden’ e ‘Despedida’, os seus respectivos discos debut.

Como é tradición, a gala interromperase a iso das 23.55 horas para conectar coa praza do Obradoiro, a onde se desprazará Gayoso para retransmitir as badaladas da torre da Berenguela. Nesta ocasión, despedirá o ano acompañado da actriz Benedicta Sánchez, candidata ao Goya á mellor actriz revelación polo seu papel en ‘O que arde’, e do presentador da TVG Arturo Fernández.

Ademais de escoitar a Roi e Sabela, este Especial Fin de Ano ‘Éxitos 2019’ permitirá gozar das actuacións doutros ‘ex-triunfitos’ que teñen unha grande aceptación coa súa música, como é o caso de Rosa López, artista cun apoio asombroso por parte da audiencia e gañadora da primeira edición do coñecido reality televisivo, que esta noite amosará os seus sentimentos a través da súa voz. Tamén farán bailar a audiencia a cacereña Soraya, cos seus ritmos de pop-dance, e o mallorquín Ricky Merino, que traerá á Galega ritmos disco e dos oitenta.  

Outros artistas que farán desta a noite máis especial do ano son a cantante melódica Tamara, o incombustible King África, os valencianos Bombai cos seus sons frescos e apegadizos, Boney M Xperience e a súa música disco e o dúo de irmáns Gemeliers.

A música galega tamén estará representada pola diversión e a creatividade que poñen en cada unha das súas actuacións os Festicultores, pola tolemia espectacular do rock que traerán os Heredeiros da Crus e polos sons tradicionais da banda de gaitas Abertal, procedente de Valdeorras.

E do mesmo xeito que en toda festa galega que se prece, a Gala de Fin de Ano da Galega encherase de luz, música e baile coas propostas festivas das mellores orquestras, entre as que se atopan París de Noia, Olympus, El Combo Dominicano e Cinema.

Fuente Crtvg.es