Gran final de 'Recantos' no 'Luar' desta noite que enfrontará á China con Alberte Suárez

0
24

Santiago, 19.07.2019.-    Despois de meses dunha rifada competición, por fin chegou o momento: esta noite celébrase a gran final da novena edición de ‘Recantos’, o concurso de talentos do programa ‘Luar, en que se enfrontarán A China, representante da comarca da Arousa, e Alberte Suárez, de Ourense Norte, que se foron impoñendo aos outros 18 recanteiros que comezaron o concurso aló polo mes de setembro.

Ambos os dous estiveron sempre nos primeiros postos da táboa clasificatoria en todas as fases, polo que a súa presenza na final non é ningunha sorpresa. Tamén teñen en común que se dedican profesionalmente á música, xa que son vocalistas de cadansúa orquestra, ela de Huracán e el de Fin de Siglo.

Nada en Venezuela, A China móvese con soltura interpretando ritmos caribeños, pero para a final decidiu arriscar e atreverse cunha copla: ‘Torre de area’, a mítica canción de Marifé de Triana. Pola súa parte, Alberte Suárez, que explota a súa faceta de showman en cada unha das súas intervencións e que destaca especialmente na canción melódica, escolleu ‘Vivir así é morrer de amor’, un dos temas máis coñecidos de Camilo Sesto.

Coas súas actuacións, A China e Alberte Suárez intentarán convencer o xurado, composto por Manuel DeAndrade, Tania Fuegho e Moncho Lemos, de que merecen gañar esta novena edición de ‘Recantos’ e tomar así a remuda do Chylava, vencedor do ano pasado. O premio para o gañador será de 5.000 euros, mentres que o segundo clasificado recibirá un cheque de 2.000.

A de ‘Recantos’ non é a única final que se celebra este venres no programa ‘Luar’, xa que o concurso ‘Vai de Baile’ infantil tamén chega ao seu momento cumio. Os aspirantes a facerse co triunfo son as parellas Garatuxas da Fiada, integrada por Noa Pena e Loaira Rúa, e Fíos de Liño, que forman Sofía Souto e Samuel Costas.

As finais de ‘Recantos’ e ‘Vai de Baile’ serán, sen dúbida o principal atractivo do ‘Luar’ deste venres, pero non o único, xa que o espazo da TVG recibirá a visita do emblemático grupo El Consorcio, herdeiro de Mocedades, formado por Maya Uranga xunto aos seus irmáns, Estíbaliz e Iñaki, e Carlos Zubiaga.

A artista galega Sabela; o tenor asturiano Joaquín Pixán, que une clasicismo e innovación, e o grupo Ladilla Rusa, unha parella de xornalistas barceloneses cuxo electropop esperta paixóns en YouTube, tamén se unirán á festa desta noite.

Ademais, o espazo presentado por Xosé Ramón Gayoso e Patricia Fernández Santana ofrecerá as actuacións da agrupación musical coruñesa Amizades, da Asociación Cultural Abrente, do grupo folclórico cántabro Tente Nublo, da Agrupación Folklórica El Piñote, de Asturias, e da Dominic Graham School of Irish Dance, que amosa o mellor do baile tradicional irlandés.

Fuente: TVG

Dejar respuesta

Please enter your comment!
Please enter your name here