Grazas ao recadado na CRTVG, Unicef vacinará máis de 6.500 nenos e nenas

0
11

Santiago, 22.11.2021.-   Grazas á solidariedade da audiencia dos medios públicos galegos durante a semana pasada, Unicef poderá vacinar nun curto prazo 6.540 nenos e nenas contra o sarampelo.

Co lema #PequenasSolucións, a TVG e a Radio Galega, así como o portal web crtvg.gal e as redes sociais da Corporación, axudaron a que se coñecese o labor de sensibilización de Unicef relacionado co dereito á saúde -física e mental-, facendo especial fincapé na vacinación de rutina, que se viu reducida pola covid-19; co dereito a unha contorna dixital segura, na loita contra o acoso escolar e o ciberacoso, e co dereito á participación real e efectiva que sitúe as necesidades da infancia na primeira liña.

Entre outros moitos programas, ‘Bos Días’, ‘A Revista’, ‘Quen Anda Aí?’, ‘Sabadeando’, ‘Malicia Noticias’ e o espazo ‘Dígocho Eu’ colaboraron ofrecendo reportaxes e entrevistas relacionadas con esta XI Semana coa Infancia. Ademais, ‘Luar’ ofreceu o pasado venres unha edición especial en que deu a coñecer o labor de Unicef en distintos países e se fixeron chamamentos á solidariedade da audiencia.

Hai que engadir a colaboración dos espazos informativos e de entretemento da Radio Galega como ‘Galicia por Diante’, ‘A Bóla Extra’, ‘A Tarde’ e ‘A Crónica’, e o labor do portal web e das redes sociais da Corporación. E, sobre todo, salientar a colaboración dos espectadores dos medios públicos galegos que se sumaron á campaña.

Fuente Crtvg.es