Homenaxe a Andrés do Barro no ‘Luar’ desta noite, con María do Ceo, Faltriqueira e Xosé Manuel Piñeiro interpretando os seus grandes éxitos

0
2

Santiago, 20.12.2019.-     Este 22 de decembro fai 30 anos da morte de Andrés do Barro, pioneiro en fusionar a música tradicional co pop e o primeiro artista en alcanzar o éxito cantando en galego. Por este motivo, o programa ‘Luar’ realizaralle hoxe unha homenaxe ao cantante ferrolán, que revolucionou a música galega nos anos 70 con éxitos como ‘O tren’.

O espazo da TVG contará coa presenza de Fernando Fernández Rego, autor da única biografía autorizada sobre o músico. Xosé Ramón Gayoso lembrará a entrevista que lle realizou no espazo ‘Corazonada’, a última concedida por Do Barro, e Xosé Luís Blanco Campaña falará da súa actuación no mítico programa dos anos 80 ‘Ruada’.

As cancións de Andrés do Barro serán protagonistas durante toda a noite, en que a súa voz se unirá coa da cantante portuguesa María do Ceo interpretando ‘Teño saudade’ e coas do grupo Faltriqueira, nunha versión do ‘Corpiño xeitoso’. ‘Luar’ tamén recibirá este venres a visita de Xosé Manuel Piñeiro para deleitar o público e os espectadores cun popurri de Andrés do Barro.

Por outro lado, o programa presentado por Xosé Ramón Gayoso e Beatriz Serén contará coa presenza de Al Bano, un dos cantantes italianos con máis sona en España. Fíxose moi popular nos anos 70 e 80 grazas ao dúo que formaba coa súa hoxe ex-muller.  Agora, 40 anos despois, Al Bano continúa nos escenarios coa súa carreira en solitario e achégase hoxe ao ‘Luar’ para deleitar os espectadores cos seus grandes éxitos e temas tan propios destas datas como ‘Adeste fideles’.

Polo demais, o programa ofrecerá as actuacións da orquestra La Ocaband, da Asociación Cultural Saíñas de Xove, do Grupo Folclórico Santa Marta de Portuzelo e da Asociación de Danzas Folklóricas Ciudad de Cádiz. No tempo de ‘Recantos’, actuarán en solitario e a dúo María Vidal, representante da comarca Terras de Ordes, e Leshka, de Terras de Lugo.

Fuente Crtvg.es