‘Inimitables’ ten saudade de Andrés Dobarro e ofrece este venres unha homenaxe moi especial ao músico

0
2

Santiago, 07.08.2020.- O ‘Inimitables’ (22.00 h)deste venres é un programa moi especial, que celebra o aniversario da publicación do disco ‘Me llamo Andrés Lapique do Barro’ e, á vez, dun músico. Neste disco, 3 cancións en galego chegaron por primeira vez ao número 1 nas listas de éxitos españolas: ‘O tren’, ‘Corpiño xeitoso’ e ‘San Antón’. Ninguén logrou o que logrou Andrés Dobarro. O feito de que varias cancións en galego chegaran a número un nas listas tivo un grande impacto na normalización do idioma galego, nesa sociedade española de principios dos 70, que sempre mirara o noso idioma con desconfianza e superioridade. De feito, a música en lingua galega atopou en Andrés o seu primeiro e único éxito de masas.

Outra canción deste disco ‘Teño saudade’ dará nome a moitas das homenaxes a Andrés, porque é unha canción impregnada dese sentimento poético e morriña que vive en moitas das súas cancións.

Fixo recentemente 30 anos do falecemento de Andrés do Barro e ‘Inimitables’ quere homenaxealo entrevistando persoas que o quixeron como músico, como amigo ou como pai, e tamén convidando músicos galegos de agora a que expresen a súa admiración interpretando as súas cancións.

Con este cometido, o programa de hoxe contará coas actuacións de Eladio y los seres queridos, Faltriqueira, Vizcaíno, Marcos Mella e Débora, Os Peregrinos e Roger de Flor. E todos cun sentimento único: Andrés, temos saudade de ti!

Fuente Crtvg.es