Santiago, 14.09.2023.- As retransmisións deportivas desta fin de semana comezan o venres nas plataformas dixitais da CRTVG. A partir das 18:00 h, por radiogalega.gal e g24.gal/deportes, os afeccionados ao baloncesto terán a ocasión de seguir a primeira semifinal da Copa Galicia de baloncesto desde o Pazo de Lugo entre o Obradoiro e o Básquet Coruña. Xa pola FM, desde as 20:30 h, chegará a segunda semifinal, entre o Breogán e o Ourense.
O sábado, ás 15:00 h, o ‘Galicia en Goles’ da Radio Galega contará unha intensa xornada futbolística. O primeiro encontro terá como escenario o estadio de Balaídos co Celta-Mallorca da Primeira División Profesional. Logo chegará no Reina Sofía de Salamanca o Unionistas de Salamanca-Deportivo da Coruña, da Primeira RFEF. Entre un e outro haberá cobertura para o Arenteiro-Real Unión de Irún, xunto ás citas adiantadas na Segunda e Terceira RFEF. A terceira etapa da Volta Ciclista a Galicia e o torneo internacional de tenis organizado polo Casino da Coruña completan a axenda do día.
Mentres, o proxecto #GaliciaEnXogo chegará ás 13:00 h, dedicado nesta entrega ao piragüismo desde o Concello de Vilaboa, coa presenza da padexeira olímpica Teresa Portela.
Xa o domingo, ás 11:45 h, a edición matinal trasladará a emoción do final da Volta Ciclista a Galicia, xunto ao Deportivo-Atlético de Madrid B de fútbol feminino e o noso derbi xuvenil entre o Celta e o Deportivo. Ás 15:00 h, a sesión de tarde comezará en Ipurúa coa Liga de Segunda División Profesional entre o Éibar e o Rácing de Ferrol. Logo chegarán as citas de Primeira RFEF Lugo-Ponferradina e Raio Majadahonda-Celta Fortuna. As competicións de Segunda e Terceira RFEF, xunto á final da Copa Galicia de baloncesto, son os outros argumentos da xornada. A partir das 23:00 h, o programa recibirá a visita dos especialistas de ‘Ao Contraataque’ para analizar os resultados dos equipos galegos.
As emisións de ‘Galicia en Goles’ chegan a través da FM, TDT, radiogalega.gal, g24.gal/deportes e polo YouTube da Televisión de Galicia. Ademais, aqueles oíntes que teñan previsto seguir en Movistar Fútbol o Celta-Mallorca e por La Liga Hypermotion o Éibar-Rácing de Ferrol poden escoller nas opcións de audio a retransmisión da Radio Galega.
Fuente Crtvg.es