Intenso outono para ‘Diario Cultural’, con programas especiais desde os festivais de cine de Ourense e Santiago e o de teatro de Carballo

0
20

Santiago, 26.09.2022.-    O espazo da Radio Galega ‘Diario Cultural’ afronta durante os vindeiros días unha intensa axenda en exteriores, co obxectivo de dar conta da ampla oferta cultural do outono en toda Galicia e con especial atención aos eventos de cine e teatro.

Así, o programa ofrecerase este martes desde o OUFF, a XXVII edición do Festival Internacional de Cine de Ourense. Desde a cidade das Burgas, ‘Diario Cultural’, que se emitirá de 17.00 a 18.00 h, presentado por Belén Regueira e Vituco Neira, contará coa presenza de distintos convidados para dar conta de toda a actualidade do certame e do seu programa de proxeccións e actividades. Así, o programa falará, entre outros, con Pepe Coira sobre a  reconstrución que está facendo de ‘Canto de emigración’ (1934), o desaparecido film de Antonio Román, e coa  actriz do filme ‘O corpo abertoElena Seijo.

Xa a semana que vén, o martes 5 de outubro, os micrófonos da Radio Galega trasladaranse a Santiago para estaren presentes na 19ª edición do Festival Curtocircuíto. Desde alí realizarase unha nova edición de ‘Diario Cultural Zeta’, a versión do programa dirixida á xuventude, presentada por Lucía Junquera, que se emitirá na fin de semana e que se lanzará tamén en RadioGalegaPodcast.gal.

E o 7 de outubro, o ‘Diario Cultural’ acudirá á 31ª edición do FIOT, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, que ofrece un programa comprometido coas artes escénicas e cos proxectos de máis prestixio do teatro actual. Baixo a batuta de Belén Regueira e Vituco Neira, este programa especial ofrecerase de 17.00 a 18.00 h e contará coa presenza dos membros de Mofa e Befa, compañía que celebra alí o seu 30º aniversario estreando a obra ‘Pirolíticos’.

Fuente Crtvg.es